top of page

CRÓNICA X15 PRIMEIRA DIVISIÓN FS (NPA 8–5 PAR) | O derbi queda en Noia!

  • Writer: Departamento prensa Noia PA FS
    Departamento prensa Noia PA FS
  • 4 hours ago
  • 4 min read
Sábado, 27/12/2025 · 23:06h · Imaxe: Foto Pichero | O Portus Apostoli leva un tolo e emocionante duelo galego cunha gran actuación e alcanza a metade da temporada con 21 puntos no seu casilleiro.
Sábado, 27/12/2025 · 23:06h · Imaxe: Foto Pichero | O Portus Apostoli leva un tolo e emocionante duelo galego cunha gran actuación e alcanza a metade da temporada con 21 puntos no seu casilleiro.

O derbi queda en Noia. A pulso gañouso o Portus Apostoli, que á súa superioridade no global do encontro sumoulle o acerto necesario para derrocar ao O Parrulo Ferrol FS e colocar 21 puntos no peto ao término da primeira volta.


Respirábase día grande no Mourís. Non en balde, Noia Portus Apostoli FS e O Parrulo Ferrol FS enfrontábanse no derbi galego máis prestixioso na elite despois de varios anos. E a cousa empezou forte. Nin un minuto se cumprira cando Rubi, a pase de David Pazos, abría as hostilidades.


Os noieses controlaban o coiro e semellaban ter un punto máis de chispa, pero antes do seu segundo chegou o primeiro de O Parrulo. Enésimo drama coas mans no Mourís que, de novo, foi en contra dos intereses locais, cun penalti que transformou Diogo no 8’.


David Pazos, o bigote máxico | Imaxe: Foto Pichero
David Pazos, o bigote máxico | Imaxe: Foto Pichero

O derbi ía subindo de revolucións pouco a pouco, con moitos cartóns e ocasións claras en ambos bandos. Mati Starna negoulle o dobrete a Rubi sobre a liña no 10’, e acto seguido Gonzalo Santa Cruz probou o pau, nas máis claras antes dun tramo final de primeiro acto de puro desenfreo noiés.


Nel, un nome propio movendo os fíos: David Pazos. O capitán xa dera a asistencia do 1-0, e, aínda que rematado involuntariamente polo parrulo Jhoy, poderíamos contar tamén a do 2-1. Sen ningunha discusión os seguintes. Tras o interruptus do gol anulado a Macedo por man, Pazos deixoulle en bandexa o 3-1 a Biel, infalible no man a man, e deu unha masterclass de calidade, pausa e visión para cederlle a Ismael o 5-1 e redondear uns minutos formidables no xogo e na finalización. Era o segundo do andaluz, xa que antes converteu o cuarto a través dun tiro de dez metros por toda a escadra.


Ao derbi aínda lle quedaba máis tolemia


Os ferroláns, obrigados polo marcador, deron un paso adiante á saída de vestiarios. E da súa insistencia naceron dous penaltis máis, nos que tampouco errou un Diogo que se poñía cun hat-trick desde os seis metros no minuto 29.


A rigurosa segunda amarela a Thierry e a quinta falta no haber noiés facían presaxiar o peor nos últimos dez minutos de partido. Pero emerxeu un fusil, o que ten Ismael por perna dereita, para facer o sexto na conta do Portus Apostoli. Xusto cando máis o precisaban e aínda en inferioridade numérica. Hat-trick e 7 goles en dúas xornadas para o pivote.


Ismael desencadeado (outra vez) | Imaxe: Foto Pichero
Ismael desencadeado (outra vez) | Imaxe: Foto Pichero

Despois de dar uns cantos, no 36’ David Pazos meteu o seu, o 7-3, a pase de Douglas, que calmou máis as augas. Para aquel momento, Gerard Casas xa dera entrada a Novoa como porteiro-xogador. Novo exemplo de resistencia branca nestas lides, da que os parrulos só sacaron dúas viaxes aos dez metros. Alí tampouco lle tremeu o pulso a Diogo, autor dun curioso repóquer a balón parado entre os seis e os dez metros. Entre ambos, Diego Fávero castigou desde a súa media pista o xogo de cinco visitante co oitavo e definitivo tanto dos noieses.


21 puntos para o Noia Portus Apostoli FS. A súa mellor cifra nunha primeira volta ligueira, a segunda mellor en xeral desde que está na élite (só superada polos 22 logrados na segunda volta do curso 22/23). Ata o último día posible soñouse con algo moi bonito, pero sen sacar o foco do importante: dous terzos do obxectivo da salvación, no saco. 2025 termina moi ben e á volta da esquina está un ilusionante 2026.



Próximo partido

O seguinte xa será en 2026. Os brancos visitarán ao Jimbee Cartagena Costa Cálida FS o mércores 7 de xaneiro ás 20:30h pola 16ª xornada ligueira.



Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Montero, Rubi, David Pazos (c) e Biel. Tamén xogaron Macedo, Diego, Koeman, Douglas, Thierry, Ismael e Churrasco.


O Parrulo Ferrol FS: Mati Starna (p), Rubén Orzáez, Iván Rumbo (c), Diogo e Novoa. Tamén xogaron Dennis Berthod (p), Gonzalo Santa Cruz, Xavi Cols, Jon, Jhoy, Morgato, Turbi, Niko Vukmir e Penezio.


Goles: 1-0 Rubi (1’), 1-1 Diogo, de penalti (8’), 2-1 Jhoy, en propia portería (15’), 3-1 Biel (17’), 4-1 Ismael (18’), 5-1 Ismael (20’), 5-2 Diogo, de penalti (27’), 5-3 Diogo, de penalti (29’), 6-3 Ismael (32’), 7-3 David Pazos (36’), 7-4 Diogo (36’), 8-4 Diego Fávero (40’), 8-5 Diogo (40’).


Os árbitros Juan José Cordero Gallardo e Pedro Carrillo Arroyo, do comité andaluz, amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Churrasco (11’), Thierry (13’ e 30’), Macedo (16’), o adestrador David Palmas (18’) e Douglas (29’). Nos ferroláns, amarelas a Turbi (7’), o adestrador Gerard Casas (12’), o segundo adestrador Pol Cuairan (12’ e 12’), Diogo (18’), Xavi Cols (25’), Gonzalo Santa Cruz (32’) e Jhoy (32’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 15 da Primeira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 900 espectadores.

Comments


bottom of page