top of page

CRÓNICA X15 (NPA 6–3 MOV) | Merecido éxtase

Equipo e afeción foron un para lograr tres puntos vitais contra un rival xigante, que claudicou ante o empeño dos noieses, que, ademais, hoxe si, estiveron acertados de cara a porta.
O plantel branco pechará o 2023 dentro de dúas semanas de novo na casa, ante o Jimbee Cartagena.

(foto: Pichero)

Pouco importou a entidade do rival. Menos a situación na tábla. E dunha plumada sacudiron as escusas das numerosas baixas. O Noia Portus Apostoli FS saiu á pista a comerse a todo un Movistar Inter e así o fixo, chegando a colocarse 5-1 arriba, para conseguir tres puntos de ouro no peche da primeira volta da competición.


Desde o principio, os de Tomás de Dios foron un vendaval ante o que o Movistar Inter apenas tivo resposta. Os dous tantos convertidos en apenas oito minutos, unha delicia de Power Raggiati e o de Pirata de penalti provocado por el mesmo, semellaban pouco ante a superioridade e as ocasións noiesas. Reduciu diferenzas no 12’ Raúl Gómez penalizando un fallo dos brancos, e, en vez de caer en pantasmas de partidos pasados, o conxunto galego soubo manter a calma e, o máis importante, responder instantaneamente, grazas ao gol de Nico Rosa, froito dunha excelente asistencia de David Pazos.


Saiu Movistar Inter á segunda metade a ter a pelota e pechar aos noieses. Nada más lonxe da realidade. A perfecta presión tras pérdida e combinación entre o trío de galegos conduciu ao tanto de Pola, seguido a continuación polo de Altamirano, no momento e lugar xustos para castigar o erro en saída de presión dos interistas, puxeron o Portus Apostoli cun 5-1 a favor no minuto 24, e contra todo un Movistar Inter.


16 minutos por diante para resistir, porque os de Riquer non iban a tirar a toalla, e coa entrada de Raúl Gómez como porteiro-xogador fixéronse donos do esférico. Respondía Tomás de Dios con Pola vestindo de porteiro nos seus ataques, e por uns minutos, o choque tornouse nun duelo de ofensivas en superioridade. O primeiro en encontrar premio foi o cadro de Torrejón, co disparo de Raúl Gómez despistando a Sarmiento tras impactar en Power. Cecilio baixou a distancia a dous goles con cinco minutos por disputarse, un mundo aínda por sufrir. Por uns segundos enmudeceu o Mourís, o xusto antes de volver a ser o sexto xogador necesario para impulsar esa man ou esa perna que bloquearan os tiros do opoñente.


O tanto de Altamirano a 27’’ acabou por desatar a alegría, á vez que un respiro de tranquilidade, en todo un Agustín Mourís que celebrou por todo o alto este importantísimo triunfo. 14ª posición e 14 puntos, dous menos que ao término da primeira volta da 22/23. Segue sen ser o lugar que quere ocupar este ambicioso vestiario, pero con partidos como este, pronto deixará de estar aí. Tras esta próxima semana de parón ligueiro, os brancos concluirán o 2023 empezando a segunda volta, tamén na casa, contra o Jimbee Cartagena o sábado 23 ás 18:00h.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Sarmiento (p), Attos, Edu Jabá, David Pazos e Pirata (c). Tamén xogaron Power Raggiati, Altamirano, Nico Rosa e Pola.


Movistar Inter FS: Jesús García (p), Raúl Gómez, Rubi, Cecilio e Fits. Tamén xogaron Raya, Pablo, Terry, Korpela, Montero, Anaya, Kaito e Jhonnas.


Goles: 1-0 Power Raggiati (6’), 2-0 Pirata, de penalti (8’), 2-1 Raúl Gómez (11’), 3-1 Nico Rosa (12’), 4-1 Pola (23’), 5-1 Altamirano (24’), 5-2 Raúl Gómez (32’), 5-3 Cecilio (35’), 6-3 Altamirano (40’).


Os colexiados Aitor Felipe Madorrán e David Urdánoz Apezteguía amoestaron polos locais con cartón amarelo a Attos (36’). E polos visitantes, viron amarela Raúl Gómez (10’), Rubi (30’), Terry (31’), Cecilio (39’) e Jhonnas (39’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 15 da Primeira División Fútbol Sala, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 700 espectadores.

Comments


bottom of page