Sábado, 11/01/2025 · 23:30h · Imaxe: Foto Pichero | O cadro noiés tivo outra vez contra as cordas ao bicampión de Europa e do Mundo, que empatou no tramo final un duelo de enorme intensidade.
A batalla entre Noia Portus Apostoli FS e Illes Balears Palma Futsal terminou en táboas (3-3). Preto estivo de ser a primeira vitoria ligueira dos noieses, que a piques estiveron de reeditar o espectacular triunfo do curso pasado contra uns baleares que sacaron a súa calidade e empuxe para rascar un punto dun Agustín Mourís xigante.
Ningún dos dous equipos se deixou nada na mochila desde o primeiro minuto, nin sequera os goles. Transcorría o 4º minuto de xogo cando Piqueras, nun lanzamento de falta, adiantaba ao Illes Balears. A reacción blanca non se fixo agardar. Primeiro, Altamirano probou o pau a pase de Peixe, e, segundos máis tarde, Thierry anticipouse a Barrón para, a servizo coas mans de Power, reinstaurar o empate no electrónico.
A partir de aí, as faltas e as amarelas convirtéronse en protagonistas dunha primeira mitad que se tornou trabada, deixando a ambos conxuntos en bonus aínda no 11’. Para ese momento, o Portus Apostoli xa dera a volta ao marcador, grazas ao remate ao segundo pau de Power nun saque de esquina lanzado por Thierry.
A intensidade non baixou, e o Illes Balears Palma Futsal pagouno caro ao conceder dous tiros de dez metros aos noieses. O primero salvárono entre Barrón e o poste, pero no segundo Pirata tivo a picardía para aloxar o coiro entre as pernas do meta balear e envialo ás mallas para o 3-1, un gol psicolóxico ademais, a tan só 14 segundos del descanso.
Sufrimento ante a insistencia do bicampión de Europa
Como tamén psicolóxico puido ser o hipotético 4-1 que tivo nas súas botas Diego nada máis saír de vestiarios. Lamentou a ocasión fallada un Noia ao que lle tocou sufrir, como non pode ser doutra forma ante o bicampión de Europa e do Mundo. Os de Vadillo lanzáronse cara a portería de Schütt, con David Peña como nome propio. Tanta porfía tivo recompensa, e o á catalán conseguiu reducir distancias para os seus no 27’.
No 31’ produciuse outro momento clave co disparo de Pirata estrelándose no palo cando tiña todo a favor para reflectir o 4-2. Os palmesanos non quixeron agardar más, estrelados continuamente ante a resistencia do Portus Apostoli, e a catro minutos do final introduciron el porteiro-xogador con Fabinho. Precisamente o brasileiro sería o autor do 3-3, nunha das primeiras accións de superioridade.
A réplica noiesa levou a mesma sinatura do xogo de cinco, con Pirata vestido de amarelo. Foi o capitán o que tivo as dúas oportunidades máis claras, abortadas por un vello coñecido da afección do Mourís como é Henrique.
E case dúas horas de combate despois, reparto de puntos. O cuarto do curso para un Portus Apostoli que, xunto aos seus sempre entregados seguidores, segue dándoo todo para sacar a cabeza. Con esta son dúas xornadas seguidas sumando. O primeiro triunfo ligueiro continúa facéndose de rogar, pero tras este partido, seguro que está máis preto.
Próximo partido
O conxunto de David Palmas visitará o Municipal de Deportes de Lugo o xoves 16 ás 21:30h para enfrontarse ao ADC Lugo Sala en partido de semifinais da XXXIII Copa Galicia.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Diego Fávero, Rubi, David Pazos e Pirata (c). Tamén xogaron Peixe (p), Power Raggiati, Altamirano, Rufino, Attos, Álex García e Thierry.
Illes Balears Palma Futsal: Barrón (p) (c), Marcelo, Machado, Mateus Maia e Bruno Gomes. También jugaron Henrique (p), Rivillos, David Peña, Neguinho, Piqueras, Ernesto e Gordillo.
Goles: 1-0 Piqueras (4’), 1-1 Thierry (5’), 2-1 Power Raggiati (10’), 3-1 Pirata (20’), 3-2 David Peña (27’), 3-3 Fabinho (37’).
Os árbitros Rubén Ferrero Carballal e Sergio Sánchez Llorente amoestaron con tarxeta amarela nos noieses a Rubi (4’), Power Raggiati (6’) e Pirata (9’). Nos baleares, ensinaron amarela a Marcelo (6’), Bruno Gomes (11’), Ernesto (13’), Mateus Maia (23‘) e Gordillo (32‘).
Incidencias: partido correspondente á xornada 14 da Primeira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís ante uns 750 espectadores. Nos instantes previos ao asubío inicial, o presidente do Club, Severino Barreiro, entregou un obsequio ao xogador Altamirano polos seus 100 partidos vestindo a camiseta do Noia Portus Apostoli FS.
Komentáře