top of page

CRÓNICA X14 (BET 5–4 NPA) | Derrota en Sevilla

Os noieses quedaron ao bordo da remontada, nun partido que se puxo costa arriba mediada a segunda metade.
A próxima semana, o Portus Apostoli finalizará a primeira volta na casa contra Movistar Inter, pero antes, o mércores 6, xogarase en Valga un posto na final da XXXII Copa Galicia.

(foto: Real Betis Futsal)

O Noia Portus Apostoli FS caeu derrotado no duelo directo en Amate contra o Real Betis Futsal, que soubo aguantar as embestidas no tramo decisivo dun cadro galego que o tentou ata o final, pero que quedou rozando a remontada.

Cedo se puxo por diante o Real Betis no marcador, cun preciso disparo de Lin á escadra no 2’. Igualouno o Portus Apostoli no ecuador do primeiro acto, con Edu Jabá recollendo o rexeite dunha parada de Molina. Porén, os béticos volverían a golpear, primeiro por medio do tanto desde o punto de dez metros de Pablo Otero, e despois co de Lin nunha transición. A segundos do descanso, reduciu diferenzas Pirata cun gran gol de volea que colocaba o 3-2.

Unha segunda metade tan equilibrada e disputada como embarrada polas continuas faltas e amarelas sinaladas polos colexiados, nunha continuación do que tamén foi a primeira, decantouse con dous tantos practicamente seguidos dos verdibrancos, obra de Cristian Povea e Raúl Jiménez. Recurriu o cadro noiés ao porteiro-xogador, pero terminou sendo a acumulación de faltas dos locais o bote salvavidas do Portus Apostoli para volver a meterse no choque. Pirata acertou cos dous que tivo, e a 54’’ presentouse a oportunidade de lograr, polo menos, un punto de ouro. Negouno Molina con dúas intervencións de moito mérito, as que deixaron uns moi importantes tres puntos en Amate.

O Noia Portus Apostoli FS finaliza a xornada 14 en 14ª posición con 11 puntos. A vindeira semana, como conclusión á primeira volta ligueira, recibirán no Agustín Mourís o sábado 9 ás 18:00h ao Movistar Inter FS. Pero, antes, visitarán Valga para xogarse ante o Stellae FS – Valga, este mércores 6 ás 19:00h, un posto na final da XXXII Copa Galicia.


 
Ficha técnica

Real Betis Futsal: Molina (p), Piqueras, Raúl Jiménez, Lin (c) e Carrasco. Tamén xogaron Starna (p), Lemine, Roger, Cristian Povea, Rafa López, Ivi, Pablo Otero, Raúl López e Pedro Toro.

Noia Portus Apostoli FS: Sarmiento (p), Power Raggiati, Edu Jabá, David Pazos e Pirata (c). Tamén xogaron Altamirano, Rufino, Attos, Nico Rosa, Matheus Preá e Pola.

Goles: 1-0 Lin (2’), 1-1 Edu Jabá (11’), 2-1 Pablo Otero (16’), 3-1 Lin (19’), 3-2 Pirata (20’), 4-2 Cristian Povea (29’), 5-2 Raúl Jiménez (31’), 5-3 Pirata (37’), 5-4 Pirata (40’).

Os colexiados madrileños Jorge González Moreta e Luis Sánchez Chamorro amoestaron polos locais con cartón amarelo ao encargado de material Raúl Morales (3’ e 39’), Piqueras (9’ e tras acabar o partido), Molina (9’), Pedro Toro (28’), Lemine (29’), Rafa López (34’), Pablo Otero (37’) e Raúl Jiménez (39’). Viu a vermella directa tras terminar o partido Pedro Toro. E polos visitantes, amarelas a David Pazos (8’), Rufino (9’), Nico Rosa (15’), o fisioterapeuta Darío Moure (16’), Attos (16’), Lluc (31’), Sarmiento (31’), o adestrador Tomás de Dios (34’), Pirata (34’), o delegado Daniel Ventoso (38’), Power Raggiati (39’ e tras acabar o partido) e Pola (tras acabar o partido). Ensináronlle a vermella directa a Rufino tras terminar o encontro.

Incidencias: partido correspondente á xornada 14 da Primeira División Fútbol Sala, disputado no Centro Deportivo Amate de Sevilla ante uns 350 espectadores.

bottom of page