Sábado, 28/12/2024 · 18:40h · Imaxe: Foto Pichero | Un mal inicio de segunda metade tirou por terra unha formidable primeira dun Portus Apostoli que termina o ano sen coñecer a vitoria en Liga.
O perseguido primeiro triunfo terá que agardar a 2025. Non lle valeu ao Noia Portus Apostoli FS unha primeira parte de altísimo nivel, borrada dunha plumada por uns cinco minutos fatais no reinicio nos que Movistar Inter FS impuxo a súa pegada e calidade para darlle a volta ao marcador e, finalmente, certificar a vitoria.
Dos mellores momentos do seu equipo na temporada gozou o Agustín Mourís no primeiro acto. Fluído co balón e intenso sen el, os de David Palmas dispuxeron dun montón de oportunidades. A máis clara, de Power, cuxo disparo escupiu sen piedade o pau. E, nunha historia que xa se repite ata a saciedade, o perdón noiés aproveitouno o rival. Nunha rápida transición interista a outra chegada perigosa local, Raúl Gómez picou o coiro ante Schütt e, con colaboración do pau, converteu o 0-1.
Ante a ameaza de caer en pantasmas do pasado, emerxeu Peixe. O gardameta brasileiro avisaba aos de Torrejón cos seus disparos de lonxe, e nun deles anotou o empate, coa axuda do desvío de Carlos Bartolomé. Apenas un minuto despois, sucedeuse o 2-1 de Pirata que desataba o éxtase contido das gradas. O lucense colocaba así algo de xustiza no marcador, porque os brancos merecían nese momento xa moita maior vantaxe que a dun tanto coa que se marcharon a vestiarios tras marrar ante Jesús Herrero ocasións de Fávero, Power, ou, ata en dúas veces, Altamirano.
Un reinicio funesto
Todo o bo que deixara o primer tiempo desapareceu a partir do 3’ do segundo, co empate de Raúl Gómez. A diana do internacional madrileño desatou o acerto do conxunto de Alberto Riquer, que botou unha xerra enorme de auga fría sobre os noieses conseguindo tres goles máis nos seguintes tres minutos para debuxar o 2-5.
A piques estivo Pirata de sacar aos seus do shock, pero o seu remate golpeou na madeira. Mentres Jesús Herrero evitaba que os brancos se reengancharan ao marcador, un Movistar Inter crecido en ataque seguía facendo dano. Primeiro en transición, co 2-6 de Pablo no 30’; e, despois, convertindo unha irrisoria sexta falta local no 2-7 de Javi Mínguez desde o punto de dez metros.
Os últimos minutos volveron a pertencerlle a un Noia que, aínda que minado no físico, buscou con todo o corazón do mundo reducir diferenzas. Só Altamirano o fixo, finalizando con contundencia unha acción individual, a pesar de oportunidades clarísimas como as de Pirata, Montero ou o propio Altamirano, nas que moito tivo que ver un omnipresente Jesús Herrero.
Tras un final de 2024 aciago, os noieses buscarán cambiar a súa sorte nun 2025 que está á volta da esquina, empezando por un mes de xaneiro con importantes duelos para intentar saír da última praza con 2 puntos que ocupan tras 12 xornadas.
Próximo partido
O Portus Apostoli estreará o 2025 na pista do CD Burela FS co primeiro derbi galego da súa historia na elite o sábado 4 de xaneiro ás 18:00h.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Rubi, David Pazos, Álex García e Pirata (c). Tamén xogaron Peixe (p), Power Raggiati, Montero, Altamirano, Diego Fávero e Koeman.
Movistar Inter FS: Jesús Herrero (p) (c), Raúl Gómez, Chaguinha, Cecilio e Pablo. Tamén xogaron Javi Mínguez Lucão, Terry, Drahovský, Barona, Carlos Bartolomé, Dani Colón e Bebe.
Goles: 0-1 Raúl Gómez (10’), 1-1 Peixe (12’), 2-1 Pirata (13’), 2-2 Raúl Gómez (23’), 2-3 Cecilio (24’), 2-4 Drahovský (25’), 2-5 Bebe (26’), 2-6 Pablo (30’), 2-7 Javi Mínguez (34’), 3-7 Altamirano (37’).
Os colexiados Eder Gómez de Salazar Fernández (comité vasco) e David Urdánoz Apezteguía (comité navarro) amoestaron con tarxeta amarela polos locais ao adestrador David Palmas (24’), Power Raggiati (28’), Rubi (28’) e Pirata (34’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 12 da Primeira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 700 espectadores.
Comments