top of page

CRÓNICA X11 PRIMEIRA DIVISIÓN FS (ISC 3–5 NPA) | Tres puntos de ouro en Santa Coloma

  • Writer: Departamento prensa Noia PA FS
    Departamento prensa Noia PA FS
  • 4 days ago
  • 3 min read
Domingo, 23/11/2025 · 15:15h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os noieses rompen a seca no Pavelló Nou e volven á senda do triunfo ligueiro nun duelo directo trepidante.
Domingo, 23/11/2025 · 15:15h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | Os noieses rompen a seca no Pavelló Nou e volven á senda do triunfo ligueiro nun duelo directo trepidante.

O Noia Portus Apostoli FS conquista por primeira vez na súa historia o Pavelló Nou para facerse con tres puntos de moitísimo valor, nun duelo directo plagado de emoción e alternativas no que os noieses souberon culminar o levar a diantera durante a maior parte.


A igualdade da táboa -enfrontábanse 12º contra 13º cos mesmos 11 puntos- reflectiuse na pista desde o comezo. Os dous conxuntos repartíronse ocasións, con Montero e Altamirano rozando o tanto en favor visitante e chegadas colomenses freadas por Schütt. O empate rompeuse no 10’, por medio dun disparo exterior de Thierry que se introduciu na meta tras rebotar no pau. Practicamente na acción seguinte, Altamirano roubou o coiro a Frezzatto en media pista e anotou o 0-2 a pracer.


Altamirano foi un dos destacados no acto inicial | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
Altamirano foi un dos destacados no acto inicial | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS

A alegría noiesa contívose cedo, xa que Kokoro reduciu diferenzas a continuación. O tanto do xaponés espoleou a Industrias, que reinstaurou o equilibrio no electrónico a través de Puchy no minuto 15. A piques estivo Altamirano de devolver aos seus a iniciativa antes do descanso, pero o seu forte lanzamento estrelouse na madeira.


Dando nos momentos clave


O regreso de vestiarios estivo protagonizado por dúas lesións. Primeiro, a de Bernat Povill, que abandonou a pista en padiola tras facerse dano no xeonllo, nunha acción na que os catalás reclamaron penalti. Previa consulta no Soporte de Vídeo, os colexiados denegaron a petición, ao controlar o xogador local o balón coa man anteriormente. Pouco despois foi Altamirano o que abandonou o terreo de xogo con dores físicas.


Sen ambos seguiu o choque con momentos para cada equipo. Industrias gozou de oportunidades para completar a remontada, pero o Noia soubo contelas e dar un paso cara adiante. Rubi, en dúas ocasións, e Ismael deron traballo a Frezzatto, que nada puido facer instantes máis tarde ante o tiro de Thierry. O brasileiro sorprendeu ao gardameta golpeando de primeiras para atopar o oco xusto e converter, co seu dobrete, o 2-3.


Dobrete de Thierry para cinco goles en Liga | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
Dobrete de Thierry para cinco goles en Liga | Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS

Os de Xavi Closas no ían dar o seu brazo a torcer e, de novo, empataron o marcador. Leandrinho desequilibrou por banda dereita e bateu a Schütt a oito minutos do final. A sete, o Portus Apostoli púxose con 5 faltas, debuxando un escenario complexo para o tramo decisivo. De despexar as posibles dúbidas encargouse primeiro Ismael, cun potente disparo coa zurda que valeu para o 3-4, e logo Schütt, detendo o tiro de dez metros executado por Leandrinho tras a sexta infracción noiesa.


Turno para a insistencia local co porteiro-xogador e, por tanto, a resistencia e saber sufrir dos visitantes. Case cinco minutos dese exercicio levaron a cabo os de David Palmas, sólidos na tarefa e con oportunidades para sentenzar. E á terceira delas, logrouno Douglas con tan só 33 segundos por disputarse. Xa ninguén moveu do electrónico un 3-5 que amplía a 14 a suma de puntos dun Noia que abre fenda coa zona de descenso e dase a licenza de verse preto do top 8 a catro xornadas do final da primeira volta.



Próximo partido

O cadro branco recibirá ao Córdoba Patrimonio de la Humanidad o vindeiro sábado 29 ás 20:00h no Municipal Agustín Mourís pola 12ª data ligueira.



Ficha técnica

Industrias Santa Coloma: João Frezzatto (p), Tolrà, Corso (c), Víctor Ramos e Leandrinho. Tamén xogaron Marcos Ferreyra (p), Nil Closas, Povill, Uri Santos, Puchy, Aniol, Mati e Kokoro.


Noia Portus Apostoli FS: Peixe (p), Montero, Rubi, David Pazos (c) e Biel. Tamén xogaron Schütt (p), Altamirano, Varsalona, Leozin, Douglas, Thierry, Ismael e Churrasco.


Goles: 0-1 Thierry (10’), 0-2 Altamirano (10’), 1-2 Kokoro (11’), 2-2 Puchy (15’), 2-3 Thierry (28’), 3-3 Leandrinho (32’), 3-4 Ismael (34’), 3-5 Douglas (40’).


Os árbitros Carlos Rodrigo Miguel e Fermín Ángel Sánchez-Molina Tapiador, do comité castelán-manchego, amoestaron con tarxeta amarela nos colomenses a Leandrinho (9’), o adestrador Xavi Closas (30’) e Uri Santos (37’). Nos noieses, amarelas a Peixe (1’), Ismael (15’), Biel (20’), David Pazos (29’), Varsalona (30’), Douglas (31’), Montero (31’) e Churrasco (33’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 11 da Primeira División FS, disputado no Pavelló Nou de Santa Coloma ante uns 1.000 espectadores.

Comments


bottom of page