top of page

CRÓNICA X11 PRIMEIRA DIVISIÓN FS (ISC 5–3 NPA) | De baleiro de Santa Coloma


Sábado, 21/12/2024 · 17:55h · Imaxe: Manuel Lorenzo/Noia PA FS | O Portus Apostoli pagou caros os seus erros e non puido rescatar ningún punto da súa visita ao Pavelló Nou.


Derrota do Noia na súa visita a Santa Coloma, onde Industrias soubo penalizar os erros galegos para irse cunha vantaxe excesiva ao descanso e, logo, aguantar o arreón final dun Portus Apostoli que continúa sen gañar en Liga.


Os noieses chegaban ao Pavelló Nou con ganas de aproveitar o post parón para borrar a negativa dinámica anterior ao mesmo, tendo en conta ademais que tres xogadores -Altamirano, Diego Fávero e Peixe- regresaban de lesión. Máis pernas e talento para tratar de asaltar unha cancha acostumada ao alto ritmo e as ocasións de gol, tal e como transcorreron os primeiros minutos de xogo.


Superado o ecuador da metade inicial, Industrias desatascaría o 0-0 nunha acción de balón parado finalizada por Cardona. O xogador catalán repetiría apenas un minuto máis tarde, beneficiándose dunha perda visitante en zona perigosa, xusto despois dunha chegada clarísima dos noieses evitada en liña de gol polos de Xavi Closas.


O castigo era demasiado para un Noia que non deixou de merodear o gol, incluso coas incorporacións ao ataque de Schütt e Peixe. Tras dispoñer de varias oportunidades, foi Rubi ao cazar un balón solto o que colocaba o 2-1 que poñía algo de xustiza polo visto no 40x20. Porén, a alegría foi efímera, xa que Puchy devolvía rapidamente os dous goles de diferenza ao remachar sobre a liña o disparo anterior de Povill.


Reacción tardía


Co paso por vestiarios, restaban 20 minutos para atopar resposta á desvantaxe de dous. Pero no primeiro do reinicio a empresa complicouse aínda máis, co tanto de Nil que supoñía o 4-1 nun desaxuste defensivo noiés.


A través das incorporacións de ambos gardametas amasou pelota e contou con ocasións o Portus Apostoli, pero faltaba esa chispa en metros finais para superar a un acertado Borja entre paus. Con seis minutos por disputarse entrou Pirata a cancha coa camiseta de porteiro-xogador. Nunha das primeiras con superioridade, Industrias fixo máis dano co quinto, logrado por Leandrinho nunha perda noiesa preto da súa portería.


A desvantaxe era xa considerable, con tan só cinco minutos no reloxo, pero o que nunca vai a facer o Noia é baixar os brazos. Cos tantos de David Pazos e Rubi, eses que se resistiron a entrar noutros días de, quizais, máis necesidade, os galegos devolvéronse a esperanza. A insistencia de cinco a piques estivo de dar máis premio, sobre todo nun tiro de Pirata despexado pola defensa de Industrias cando ía encamiñado a converterse no cuarto.


Non tivo marxe para moito máis un Portus Apostoli que, tras esta derrota en Santa Coloma, continuará outra xornada como pechacancelas con 2 puntos e, aínda, en busca do seu primeiro triunfo ligueiro.



Próximo partido


Os noieses recibirán o sábado 28 de decembro ás 13:00h ao Movistar Inter FS no Agustín Mourís, pola 12ª xornada da Primeira División FS.


 

Ficha técnica

Industrias Santa Coloma: Borja Puerta (p), Nil, Verdejo, Puchy e Povill. Tamén xogaron Lluch (p), Uri Santos (c), Leandrinho, Cardona, Corso e Niel·lo.


Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Attos, Rubi, David Pazos e Garrincha. Tamén xogaron Peixe (p), Power Raggiati, Montero, Altamirano, Diego Fávero, Rufino, Álex García e Pirata (c).


Goles: 1-0 Cardona (12’), 2-0 Cardona (13’), 2-1 Rubi (16’), 3-1 Puchy (17’), 4-1 Nil (21’), 5-1 Leandrinho (35’), 5-2 David Pazos (36’), 5-3 Rubi (37’).


Os árbitros Diego Martínez García (comité balear) e Tomás Santander Flamarique (comité aragonés) amoestaron con cartón amarelo nos noieses a Diego Fávero (12’), Power Raggiati (17’), Pirata (17’) e David Pazos (23’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 11 da Primeira División FS, disputado no Pavelló Nou de Santa Coloma ante uns 800 espectadores.

Comments


bottom of page