top of page

CRÓNICA X11 (NPA 2-1 TRN) | Carácter, corazón e tres puntazos

O Portus Apostoli logra unha vitoria capital ante a súa xente, sufrindo ata o final cun plantel decimado durante o choque e resistindo a base de orgullo.
13º e con estos 11 puntos, os noieses póñense a 4 de postos de Copa de España e con 4 de diferenza sobre o descenso.

Pirata celebrando o seu tanto, o do 2-0 (foto: Manuel Lorenzo)

O Noia Portus Apostoli FS consegue unha vitoria que só se pode entender desde o compromiso, a actitude e o esforzo. Os brancos amarráronse como puideron, superando polo camiño as barreiras que se interpoñían, ao favorable 2-1 que lles serve para sumar tres puntos de ouro ante un rival directo.


O inicio foi dos noieses, que volveron a demostrar as súas ganas de vencer e convencer ao seu público. Do aluvión de ocasións, só unha se converteu no agardado gol. Recuperou Machado, pasou Power e empuxou Pola para o 1-0 no 9’, marcador que se mantivo ata o descanso.


Ao contrario que en Palma, esta vez o Portus Apostoli non deixaría escapar a oportunidade. Xa na reanudación, os de Tomás de Dios, que cumpría o seu segundo e definitivo partido de sanción, anotaban o 2-0 por medio de Pirata, penalizando a saída de Adrián Pereira dos seus dominios. Dous abaixo no electrónico, o Tudelano Ribera Navarra deu un paso adiante sobre o marco de Sarmiento, e rubricouno co tanto de Anás, nun córner, con once minutos por disputarse.


A partir de aquí, o partido do Noia achégase máis a unha crónica de sucesos. Lesións, expulsións, inferioridades, máis lesións... A segunda tarxeta amarela a Nico Rosa, que instantes antes estrelara o balón no pau, obrigou a un esforzo tan titánico como exitoso nos dous minutos de catro para cinco e reduciu máis un plantel que, antes do partido, xa sabía que non tería a Henrique e David Pazos (proceso febril), durante o quecemento viu caer a Altamirano e, nos cinco últimos minutos do envite, perdeu a Power Raggiati e Rufino, ademais de ter a Pola con mareos.


Os últimos tres minutos estiveron reservados case exclusivamente ao porteiro-xogador dos riberos. Rozou en numerosas ocasións o decimado batallón noiés o desastre, o gol visitante que arrancara a felicidade. Pero non pasou. Sempre se interpuxo un aguerrido combatente, xa fora un Sarmiento outra vez de excelente ou un dos seus compañeiros dispoñibles, para conquistar unha vitoria que vale moitos quilates.


O Portus Apostoli colle un importantísimo aire con estes tres puntos, que o colocan 13º con 11, a 4 do descenso, pero tamén a 4 dos postos de Copa de España. Este sábado 18 ás 16:00h, enfrontamento a domicilio co Industrias Santa Coloma pola xornada 12.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Sarmiento (p), Pola, Power Raggiati, Machado e Pirata. Tamén xogaron Lluc (c), Edu Jabá, Rufino, Attos, Nico Rosa e Matheus Preá.


ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS: Adrián Pereira (p), David (c), Claudino, Anás e Tripodi. Tamén xogaron Deko (p), Nacho Gómez, Espín, Jonhn Lennon, Carlos Bartolomé, Soufian Charraoui, Gabriel e Hamza.


Goles: 1-0 Pola (9’), 2-0 Pirata (27’), 2-1 Anás (29’).


Os colexiados madrileños Héctor Mayo López e Carlos Panadero Díaz-Concha amoestaron con cartón amarelo polos locais a Nico Rosa (16’ e 33’), Pirata (23’), Matheus Preá (34’) e o preparador físico Juan Carlos Argibay (34’). Nos visitantes, amarelas a Anás (8’), Gabriel (14’) e Carlos Bartolomé (24’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 11 da Primeira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 650 espectadores.

Comments


bottom of page