
Sábado, 07/12/2024 · 23:45h · Imaxe: Foto Pichero | Tres paus en dous minutos e un Álex González insuperable na portería contraria fixeron estéril un segundo tempo de total dominio noiés.
De non crer. O Noia Portus Apostoli FS volveu a estrelarse unha xornada máis, esta vez na visita ao Mourís do Viña Albali Valdepeñas, contra o porteiro rival, os paus e a incredulidade de ver escapar un encontro no que só encaixaron un gol e dominaron ao completo os 20 minutos da segunda metade.
Iso si, dificilmente puido empezar peor a cousa para os intereses noieses. Avisou primeiro cun disparo ao pau Pol Pacheco, e, aínda no minuto 1, Carrasco aproveitou un despiste defensivo en acción de estratexia para abrir a lata.
Os vinateros contaron con algunha chegada máis para aumentar diferenzas, algo que evitou Schütt nun tramo no que os noieses pasárono mal. Foi a partir do 15’ cando os de David Palmas comezaron a acumular balón e a alcanzar con máis regularidade a meta dun Álex González que detivo intentos como os de Rubi, Power ou Montero.
Un asedio total
O dominio noiés fíxose máis patente na segunda metade. Coas incorporacións ao ataque de Schütt, os brancos acantoaron ao Valdepeñas na súa media pista e gozaron de ocasión tras ocasión, sobre todo nos primeiros minutos do reinicio, para darlle a volta ao electrónico.
Un balón solto ao que, sen porteiro, non chega por pouco Attos, un largueiro de Pirata, un largueiro de Attos, un pau de Izan (o peche do Filial disputou minutos de moito mérito, noutro choque ao que os galegos chegaron con varias baixas e o debut en convocatoria doutro filialista, Jaime Pan), un case roubo de Pazos sobre Bynho practicamente na liña de gol, e, polo medio, numerosas intervencións salvadoras para os seus de Álex González. Un pequeno resumo do continuo asedio noiés na segunda metade.
O empuxe do Portus Apostoli continuou, a 6 minutos do final, coa entrada de Garrincha como porteiro-xogador. O brasileiro tivo a máis clara, que sacou Eloy Rojas case sen querer entre paus. Nas outras intentonas, Álex volveu a gañar a partida, pechando un 0-1 difícil de crer para o que presenciou un duelo do que o Noia saíu, unha vez máis, sen o premio que buscou e, en moitos momentos, mereceu.
Próximo partido
Antes do parón ligueiro da vindeira fin de semana, os noieses debutarán na XXXIII Copa Galicia visitando ao Grupo FORMA-T Vilalba FS este martes 10 ás 21:00h na rolda de cuartos de final.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Power Raggiati, Rubi, Pirata (c) e Garrincha. Tamén xogaron Montero, Rufino, Attos, Álex García, David Pazos, Matheus Preá e Izan.
Viña Albali Valdepeñas: Álex González (p), Boyis, Eloy Rojas, Pol Pacheco e Carrasco. Tamén xogaron Fernando, Lolo, Solano, Bynho e Carlos.
Goles: 0-1 Carrasco (1’).
Os árbitros José Javier Cidoncha Cortés e Sergio Salomé Vizuete, do comité estremeño, amoestaron nos noieses con cartón amarelo a Álex García (22’), Attos (26’), David Pazos (28’) e Schütt (33’). Nos vinateros, amarelas a Alberto (37’), Lolo (40’), Solano (40’) e Boyis (40’).
Incidencias: partido correspondente á xornada 10 da Primeira División FS, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 650 espectadores.
Comments