top of page

CRÓNICA X1 | (CAR 5-5 NPA) | Un punto entre a loucura de goles

Empate de entidad para os noieses, que tiveron na súa man incluso a opción de gañar nun Palacio de los Deportes de Cartaxena que viu oito tantos na segunda metade.
A próxima semana, visita ao Agustín Mourís do Córdoba Patrimonio de la Humanidad, no debut en casa na Primera División 23/24.

O equipo noiés celebra un dos seus tantos (foto: Jimbee Cartagena)

Con goles, espectáculo e tensión ata o final comezou a Primeira División 2023/2024 para o Noia Portus Apostoli FS, que rozou en varias ocasións a vitoria no Palacio de los Deportes de Cartaxena e, finalmente, acabou conseguindo un valiosísimo punto en cancha dun dos mellores conxuntos da categoría.

A pesar do empuxe inicial do Jimbee, cun disparo ao pau de Mellado incluido, foi o Portus Apostoli o encargado de abrir a lata. O balón parado deu os seus froitos por primeira vez no choque por medio de Pirata, que estirou a perna o xusto para facer boa a entrega desde a banda de Pazos. O gol animou aos noieses, que colleron confianza co balón e gozaron de ocasións para aumentar diferenzas.

Xa se relamían os brancos dando case por seguro o 0-1 ao descanso, cando os locais cazaron unha transición letal, finalizada á rede por Mellado a 13’’ do intermedio. O paso por vestiarios non lles fixo perder a inercia, e cun Lucao omnipresente puxeron en apretos varias veces os dominios noieses. O brasileiro, precisamente, forzou a falta que suporía o 2-1 no 23’, obra de Motta.

Lonxe de virse abaixo ante a remontada cartaxeneira e o ruxir do Palacio, a resposta do Noia non se demorou, e ademais coa mesma moeda. Estreaba David Pazos a súa conta goleadora en partido oficial coa camiseta noiesa grazas a un fino golpeo á rede nun disparo de falta. Ao 2-2 seguiulle o 2-3, con Pirata no sitio e momento adecuados para recoller o rexeite do tiro ao pau de Nico Rosa, e ao 2-3 acompañoulle uns minutos despois o 2-4, asinado novamente por David Pazos, amosando sangue fría no un contra un diante de Chemi.

Só era o primeiro do que serían cinco goles en pouco máis de dous minutos, cun nuevo estirón local para poñer as táboas a catro dianas ne electrónico, por medio de Javier Mínguez y Mellado... pero, ao igual que co 2-1, a reacción noiesa foi instantánea, e, outra vez, a balón parado. Un disparo seco e axustado á madeira de Attos supuxo o 4-5 e o motivo que levou a Duda a apostar polo porteiro-xogador, manobra que os meloneiros manexan á perfección e que lles serviu para o 5-5 definitivo, a pesar dos seus intentos por engadirlle un sexto, negados pola resistencia branca, que se leva para o seu peto un gran punto de Cartaxena.

Os de Tomás de Dios proseguirán a súa andaina o vindeiro sábado 9 ás 18:00h no Agustín Mourís contra o Córdoba Patrimonio de la Humanidad, ante os que tentarán facer aínda mellor o empate da estrea.

 


Ficha técnica

Jimbee Cartagena: Chemi (p), Bebe, Mellado, Lucao e Waltinho. Tamén xogaron Tomaz, Javier Mínguez, Motta, Pablo Ramírez, Jesús Izquierdo (c), Darío Gil e Juanan.

Noia Portus Apostoli FS: Henrique (p), Pola, Lluc (c), David Pazos e Pirata. Tamén xogaron Altamirano, Edu Jabá, Rufino, Attos e Nico Rosa.

Goles: 0-1 Pirata (9’), 1-1 Mellado (20’), 2-1 Motta (23’), 2-2 David Pazos (23’), 2-3 Pirata (27’), 2-4 David Pazos (32’), 3-4 Javier Mínguez (33’), 4-4 Mellado (34’), 4-5 Attos (34’), 5-5 Motta (35’).

Os colexiados madrileños Héctor Mayo López e Carlos Panadero Díaz-Concha amoestaron con cartón amarelo polos visitantes a Lluc (23’) e Pirata (28’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 1 da Primeira División Fútbol Sala, disputado no Palacio de los Deportes de Cartaxena ante a presenza duns 1.000 espectadores.


Comments


bottom of page