top of page

CRÓNICA SEMIFINAL XXXIII COPA GALICIA FS (LUG 4–5 NPA) | Á final por quinta edición seguida!


Xoves, 16/01/2025 · 23:30h · Imaxe: Foto Pichero | Os noieses superan a un combativo Lugo Sala e volverán á cidade amurallada para a gran final o xoves 17 de abril.


O Noia Portus Apostoli FS volverá ao Pazo Municipal dos Deportes de Lugo o vindeiro xoves 17 de abril para a gran final da XXXIII Copa Galicia. Así so gañou despois de dobregar por 4-5 nese mesmo feudo a un batallador ADC Lugo Sala, escribindo o seu nome na última rolda do campionato autonómico por quinta edición consecutiva.


O marcador do encontro abriuse rápido, practicamente na primeira ocasión perigosa do Noia. Altamirano foi, no minuto 3, o encargado de adiantar aos seus, ao desfacerse do porteiro co control tras un gran pase de Pirata. Á diana do arxentino sumousellle, 6 minutos despois, a de Thierry. O brasileiro tamén recibiu do capitán para, a continuación, tirar de calma na súa definición ante a saída do meta rival e, así, ver porta por segunda cita seguida.


Os noieses querían poñer a directa, pero un ilusionado Lugo Sala non baixou os brazos en ningún momento, e, por medio de Adrià Blat, conseguiron reducir distancias no 11’. Nin sequera o tanto no 14’ de Montero, outro que chegou previo servizo de Pirata, foi suficiente para encarrilar o duelo. E é que os locais lograron igualar o electrónico antes do receso, cos goles de Dani Pineda e Brunito erguendo a un Municipal que cría nas posibilidades dos seus.


Gran reinicio


Porén, o Portus Apostoli volveu a impoñer a lóxica cun comezo de segunda metade no que marcou territorio. Apenas pasaran uns segundos de reinicio cando, tras un envío de Peixe, Pirata golpeaba a madeira. O lucense, que vivía un partido especial no pavillón onde se formou, foi protagonista de novo instantes máis tarde, entregando a pracer coa súa cuarta asistencia da noite o 3-4 a Power Raggiati, ao que seguiu o 3-5 de David Pazos no 26’, en acción individual finalizada ao pau curto. Eran momentos de insistencia do Noia, que gozaba de espazos para xerar oportunidades. Entre elas, o acrobático gol pantasma de Garrincha, no que os colexiados aprezaron que o balón non sobrepasara a liña.


Co choque entrando nos últimos dez minutos e a distancia en dous goles, o Lugo Sala e a súa xente volveron a crerso. Máis aínda co tanto de Álex Diz, aproveitando un erro de Thierry na entrega, no 35’. Aí tocoulle sufrir ao Portus Apostoli o empuxe dos da cidade amurallada, que, non obstante, non tiveron o acerto para neutralizar por segunda vez a diferenza no tanteador.


Asubío final e o Municipal dos Deportes de Lugo xa agarda pola gran final do 17 de abril. Noia Portus Apostoli FS e Stellae Leis Pontevedra veranse as caras coa XXXIII Copa Galicia FS en xogo e a opción para os noieses de, na súa quinta final consecutiva, converterse no segundo equipo na historia que ergue o título autonómico en catro edicións de maneira ininterrumpida.


Próximo partido


Tras o parón desta fin de semana, os brancos volverán ás tarefas ligueiras o sábado 25 de xaneiro ás 19:00h na pista do Wanapix Sala 10, nun partido que pechará a primeira volta.


 

Ficha técnica

ADC Lugo Sala: Álvaro (p), Diego Núñez, Miguel (c), Adrià Blat e Porto. Tamén xogaron Iván Gemes, Iago Rodríguez, Brunito, Álex Diz, Yago Tenreiro e Dani Pineda.


Noia Portus Apostoli FS: Peixe (p), Power Raggiati, Altamirano, Thierry e Pirata (c). Tamén xogaron Montero, Garrincha, Diego, Rufino, Álex García, Douglas, David Pazos e Rubi.


Goles: 0-1 Altamirano (3’), 0-2 Thierry (9’), 1-2 Adrià Blat (11‘), 1-3 Montero (14’), 2-3 Dani Pineda (16’), 3-3 Brunito (18’), 3-4 Power Raggiati (21’), 3-5 David Pazos (26’), 4-5 Álex Diz (35’)


Os árbitros Pablo Enrique Guntín Garrido e Jorge Otero Mira amoestaron nos lucenses con cartón amarelo a Adrià Blat (4’), Iago Rodríguez (13’) e Diego Núñez (31’). Nos noieses, amarelas a Altamirano (14’), Power Raggiati (21’) e Thierry (34’).


Incidencias: partido correspondente á rolda de semifinais a partido único da XXXIII Copa Galicia FS, disputado no Pazo Municipal dos Deportes de Lugo ante uns 350 espectadores.

Comments


bottom of page