top of page

CRÓNICA SEMIFINAL COPA GALICIA (OPA 2–6 NPA) | Clasificados para a gran final de Noia!

O Portus Apostoli loitará polo título da Copa Galicia por terceira edición consecutiva, logo de superar ao O Parrulo en A Malata.
Os noieses enfrontaranse na casa, no Municipal Agustín Mourís, ao CD Lugo Sala na gran final o vindeiro 17 de maio, día das Letras Galegas.
Bruno Gomes celebra o 0-1 con Edu Jabá e Altamirano (foto: Pichero)

Obxectivo cumprido. O Noia Portus Apostoli FS non fallará á cita da gran final da XXXI Copa Galicia do Municipal Agustín Mourís, tras golear por 2-6 ao O Parrulo Ferrol en A Malata nunha moi seria actuación no duelo de semifinais.


Con dous goles en apenas catro minutos marcou territorio o Portus Apostoli. Foron os de Bruno Gomes, practicamente na primeira acción do partido, e o de Orzáez en propia portería, logo dun roubo noiés no porteiro-xogador local, que tivo presenza de maneira intermitente durante o acto inicial.


Faltou ese acerto para irse ao descanso cunha maior vantaxe que mereceron os de Marlon Velasco, no global dun primeiro tempo que dominaron por xogo e ocasións. Un disparo preciso de Novoa no 19’ colocou o 1-2 e dou vida a O Parrulo, que un minuto máis tarde puido facer o 2-2, nun dos formidables servizos do incombustible Adri, de quen nacían todas as tentativas perigosas parrulas, que non aproveitou Charly.


Pasou de sustos o cadro branco, vestido na Malata de azul, e novamente golpeou cedo por partida dobre na reanudación, con protagonismo arxentino. Altamirano, no sitio exacto para desviar un lanzamento de Pirata, e Nico Rosa, coa cabeza no segundo pau, colocaron o 1-4 aínda no 25’ de partido.


Bruno Gomes, a pracer despois dun pase de Pirata, deixou o partido visto para sentenza co quinto a dez minutos do final. Resistiuse O Parrulo e Adri, que cun golazo quixo dar esperanzas aos seus, definitivamente arrancadas polo arxentino que faltaba por anotar, un Power Raggiati que convertiu o 2-6 co que se chegou ao final.


Agora, só queda completar o traballo. O CD Lugo Sala, que venceu ao Outeiro de Rei SD por 2-8, será o contrincante na finalísima do 17 de maio, día das Letras Galegas, no Municipal Agustín Mourís. Día e lugar incomparables para buscar un histórico segundo título seguido de Copa Galicia para as vitrinas noiesas.


 

Ficha técnica


O Parrulo Ferrol FS: Coro (p), Hélder, Novoa, Adri (c) e Kevin Chis. Tamén xogaron Charly, Keita, Rubén Orzáez, Pansi, Turbi e Domingos.


Noia Portus Apostoli FS: Henrique (p), Power Raggiati, Altamirano, Edu Jabá e Bruno Gomes. Tamén xogaron Lluc (c), Nejc Hozjan, Álex García, Pirata, Douglas, Nico Rosa, Machado e Alisson.


Goles: 0-1 Bruno Gomes (1’), 0-2 Orzáez en propia portería (4’), 1-2 Novoa (19’), 1-3 Altamirano (21’), 1-4 Nico Rosa (25’), 1-5 Bruno Gomes (30’), 2-5 Adri (33’)


Os colexiados Borja Darriba Villamor e Javier Menéndez Nistal amoestaron polos locais con cartón amarelo a Adri (16‘) e Kevin Chis (23‘). E polos visitantes, viu a amarela Machado (27‘).


Incidencias: partido correspondente á eliminatoria a partido único de semifinais da XXI Copa Galicia, disputado no Municipal A Malata de Ferrol ante uns 1.000 espectadores, con arredor dun centenar de noieses.

bottom of page