top of page

CRÓNICA FINAL XXXII COPA GALICIA (NPA 5–2 OPA) | TRICAMPIÓNS! A coroa galega seguirá en Noia un ano máis

O Portus Apostoli manténse como rei de Galicia por terceiro curso seguido, despois de remontar para superar a un O Parrulo que llo puxo moi difícil.

(foto: Pichero)

O Noia Portus Apostoli FS fíxose dono do trono de Galicia por terceira ocasión consecutiva, nun novamente especial 17 de maio para o fútbol sala galego e o Agustín Mourís, escenario no que os noieses lograron darlle a volta a un inicio adverso para derrocar por 5-2 a un O Parrulo combativo ata o último alento, nunha gran final de Copa Galicia.


O Municipal da Vila noiesa presentaba un aspecto inmellorable nas súas gradas, cun cheo absoluto acorde á cita e o sempre único Día das Letras Galegas. Iso si, a festa non comezou como querían os anfitrións. Co plan claro e un puntiño máis de intensidade saltou ao parqué do Mourís o equipo ferrolán. Consciente de que non podía deixar escapar as súas oportunidades, en pouco máis de diez minutos O Parrulo sorprendera a propios e estraños cun 0-2 no marcador, goles de Rubén Orzáez e Iván Rumbo.


O shock noiés rematou cando, tras varias intentonas, Pirata logrou reducir diferenzas no 15’ cun disparo preciso ao pau curto, previo desborde ao centro. Poucos segundos máis pasaron para o empate, un testarazo de Matheus Preá na área en acción de esquina que recolocaba todas as espadas en alto.


A segunda metade iniciou con polémica repartida en ambas porterías. Primeiro, un gol pantasma de Iván Rumbo que non subiu ao electrónico, ao igual que o tanto de Lluc, nunha acción na que se moveu a portería e, como ante Valdepeñas en Liga, a decisión arbitral non sorriu aos brancos.


Aumentou a temperatura no recinto noiés, produto desas xogadas controversiais, pero o guión do encontro continuou igual, co Noia levando o peso do mesmo e un O Parrulo defendéndose ben, capitaneado en portería por Regueira. O meta, porén, nada puido facer no 3-2, anotado a pracer por Matheus Preá no segundo pau, a servizo de David Pazos noutra acción de córner fructífera. O balón parado volveu a ser o aliado perfecto dos brancos no 4-2, o segundo de Pirata, sumados a unha gran actuación que lle valeu para o MVP.


Angustiado pola superioridade noiesa e cun electrónico negativo, a O Parrulo só lle quedaba ir a por todas co porteiro-xogador. Nunha desas, Henrique sacou unha man espectacular a Novoa, antes de que Power Raggiati, desde a súa casa, colocara o definitivo 5-2 co que o Portus Apostoli replica os seus dous triunfos anteriores e, xa si, puido dar definitivamente renda solta ás celebracións.


Marín 2022, Noia 2023 e Noia 2024. Nas vitrinas do Portus Apostoli xa locen 3 Copa Galicia, logradas ademais de maneira consecutiva, algo do que só poden presumir na historia do campionato xunto a Leis Pontevedra e Santiago Futsal, que chegou a catro. Nuns meses iniciará un novo camiño no que só caberá seguir intentando escribir o nome do Club en letras de ouro, pero antes é tempo de descansar e gozar dunhas merecidas vacacións para un equipo que volveu a ser digno representante de O Sentimento dunha Vila.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Henrique (p), Machado, Edu Jabá, Pirata e Matheus Preá. Tamén xogaron Power Raggiati, Lluc (c), David Pazos, Rufino, Nico Rosa, Bonino e Pola.


O Parrulo Ferrol FS: Álex Regueira (p), Hélder, Domingos, Iván Rumbo e Turbi. Tamén xogaron Novoa, Adri (c), Negro e Rubén Orzáez.


Goles: 0-1 Rubén Orzáez (6’), 0-2 Iván Rumbo (11’), 1-2 Pirata (15’), 2-2 Matheus Preá (16’), 3-2 Matheus Preá (27’), 4-2 Pirata (36’), 5-2 Power Raggiati (40’).


Os colexiados Daniel Dacal Deza e Borja Darriba Villamor amoestaron con cartón amarelo polos noieses a Machado (14’). E polos ferroláns, amarelas a Negro (11’) e Novoa (31’).


Incidencias: partido correspondente á final da XXXII Copa Galicia masculina, disputada no Municipal Agustín Mourís ante uns 700 espectadores. No descanso do encontro, produciuse a entrega de trofeos de campións de Terceira División FS e Liga Galega FS a Filial e Xuvenil do Noia Portus Apostoli FS, respectivamente, por parte de representantes federativos e do Concello de Noia.


Comments


bottom of page