top of page

CRÓNICA FINAL COPA GALICIA (NPA 5–1 LUG) | A Copa queda na casa

O Portus Apostoli conquistou a súa segunda Copa Galicia consecutiva goleando ao CD Lugo Sala na súa pista, nun Agustín Mourís espectacular durante toda unha xornada de gran fútbol sala galego.
Con esta vitoria, o club noiés empata na táboa histórica de campionatos autonómicos ao Pescados Rubén Burela FS e ao Rías Baixas FS.
Lluc erguendo o trofeo de campións da XXXI Copa Galicia (foto: Pichero)

O trofeo da XXXI Copa Galicia chegou a Noia para quedarse. O conxunto noiés revalida título vencendo ao CD Lugo Sala por 5-1 nunha final na que foi anfitrión e puido celebrar un novo éxito rodeado da súa afección.


Pronto puxo o marcador de cara o Noia, que aproveitou unha transición no minuto 3 para colocar o 1-0, obra do capitán Lluc, a pase de Pirata. Mantivo unha grande intensidade e ritmo o encontro durante moitos minutos, cun Lugo Sala que demostrou que, a pesar de ser un equipo de Segunda División B, non quería ser un convidado de pedra.


Tamén madrugou no inicio da segunda metade o equipo branco, que co segundo tanto de Lluc e o gol de Douglas colocou un 3-0 en 25 minutos de xogo que, practicamente, decantaba a balanza para un lado. Encargouse Yerai, con varias intervencións de mérito, de manter aos seus no partido e evitar males maiores. A el e ao gol de Antonio Diz, facendo boa a lei do ex preto do ecuador do acto final, se agarraron os afeccionados desprazados desde Lugo, moi ruidosos durante todo o choque.


A excitación lucense atopou freo en Henrique, no desgaste físico e no saber estar dos noieses, que souberon madurar o partido e acabaron por rompelo nos últimos sete minutos. Con dous goles nun breve espazo de tempo, conseguidos por Pirata e Álex García, estableceuse no 34’ o 5-1 definitivo, dando paso co pito final á festa dos campións.


Quedan partidos por diante, pero con este triunfo o Noia Portus Apostoli FS xa pon o broche de ouro a un curso histórico: permanencia en Primeira con catro xornadas de antelación, un inimaxinable PlayOff polo título por afrontar e, agora, un segundo consecutivo título de Copa Galicia, para máis inri no Agustín Mourís, que agranda o palmarés e o estatus do club.


 

Ficha técnica


Noia Portus Apostoli FS: Henrique (p), Power Raggiati, Lluc (c), Nejc Hozjan e Pirata. Tamén xogaron Pablo (p), Altamirano, Bruno Gomes, Álex García, Douglas, Nico Rosa, Pau, Alisson e Marcelo.


CD Lugo Sala: Yerai (p), Miguel (c), Álex Diz, Iago Rodríguez e Antonio Diz. Tamén xogaron Borja, Teo, Pablito, Porto, Jairo, Álex, Longo e Costoya.


Goles: 1-0 Lluc (3’), 2-0 Lluc (22’), 3-0 Douglas (25’), 3-1 Antonio Diz (29’), 4-1 Pirata (33’), 5-1 Álex García (34’).


Os colexiados Roberto Amor Vizoso e Jorge Otero Mira amoestaron con cartón amarelo polos noieses a Power (20’), Nico Rosa (30’) e Bruno Gomes (31’). E nos lucenses, viron a amarela Borja (19‘), Iago (19‘) e Álex Diz (37’). Viu o cartón vermello directo Borja (40’).


Incidencias: partido correspondente á final da XXXI Copa Galicia, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 750 espectadores.

bottom of page