top of page

CRÓNICA 1/4 PLAYOFF – PARTIDO 2 (NPA 3-4 PAL, AET) | Un adeus á altura dunha temporada histórica

O Portus Apostoli levou ata a prórroga o segundo partido da eliminatoria, decidido por un gol do Mallorca Palma Futsal en superioridade numérica, e que pecha o camiño branco no PlayOff polo título.
Termina así o curso do debut noiés na elite do fútbol sala nacional, un que queda para o máis absoluto recordo.
(foto: Pichero)

Non puido ser o estirar a serie ao terceiro partido, pero si o vivir outra tarde histórica no Municipal noiés. Unha das tantas que lembrará o afeccionado do Noia Portus Apostoli FS no futuro, cando mire atrás á lendaria temporada do debut en Primeira que, con esta derrota na prórroga contra todo un Mallorca Palma Futsal campión de Europa, tocou ao seu fin.


Era un partido a vida ou muerte, e o escenario estivo á altura. Ante un Agustín Mourís de gala, noieses e baleares disputáronse un segundo duelo da serie de cuartos que comezou na pista de menos a máis, e que empezou a romperse co 1-0 de Machado. Avisara antes o brasileiro con outro intento que detivo Luan Muller, que nada puido facer co segundo, un remate axustado ao costado dereito.


Apenas uns segundos máis tarde, sucedeuse unha combinación de accións polémica. Con Luan Muller obstaculizando a Bruno Gomes no seu camiño á portería desguarnecida de Palma, os colexiados decidiron non señalar nada. Porén, si viron unha máis que rigurosa cesión nun despexe do propio Bruno que atrapou coas mans Henrique. No lanzamento da falta, aproveitaron os baleares para facer 1-1, por medio de Eloy Rojas.


Os seguintes minutos do primeiro acto foron dos gardametas, sobre todo do noiés. Sacou pés, mans e todo o seu arsenal Henrique para alexar as ofensivas do campión de Europa, insistentes ata o camiño a vestiarios. Na reanudación, volveu a golpear primeiro e pronto o bloque de Marlon Velasco. Marcelo converteu o 2-1 cazando un pase atrás de Bruno Gomes, quen completara unha gran acción desde a banda dereita.


Porén, novamente respondeu ao instante Mallorca Palma Futsal, e esta vez por partida dobre. Os tantos de Mancuso e Cainan nos dous seguintes minutos deixaron xeado o ambente e un pouco grogui a un Noia que, despois de perder por lesión a Machado anteriormente, vía como Douglas sufría outros problemas físicos, xa nos últimos 10 minutos de encontro.


Grogui, lastrado, pero non derrotado. Ninguén se ía a permitir que a temporada acabara así, desde Henrique ata o último afeccionado sentado na grada. Ninguén se rendeu. Nin sequera quedando dous segundos para que acabara o crono. Tempo suficiente para executar a maxia. Lanzamento de falta co coiro a uns oito metros da meta rival, lixeiramente escorado á dereita. Álex García puxo en xogo o balón a Marcelo, e o brasileiro, previo control, empalou un punterazo á escadra que forzou a prórroga e xa é historia do club, polo como e polo que provocou: a loucura absoluta de toda unha vila.


A vermella directa a Power Raggiati descafeinou o tempo extra, obrigando aos noieses a defenderse cun menos e o tanque de gasolina na reserva. Faltou ese puntiño de enerxía para resgardar o segundo pau no que Tayebi, a seis segundos do descanso do alargue, apareceu para fusilar a portería de Henrique e facer o 3-4. Intentou unha nova heroica o conxunto berberecho co xogo de cinco, e rozouna co disparo de Bruno Gomes que moitos cantaron como gol, pero impactou no pau.


Pouco a pouco morreron as esperanzas do Portus Apostoli e do Agustín Mourís. Triunfou o campión de Europa, o campión da Liga regular. Pero tivo que irse á prórroga para facelo. Tivo que sufrir ata o último segundo dos 46 minutos disputados para reclamar o seu posto en semifinales do PlayOff polo título. Estar aí xa era premio suficiente para un Noia que se leva do seu debut na elite unha matrícula de honra.


 

Ficha técnica


Noia Portus Apostoli FS: Henrique (p), Marcelo, Machado, Douglas e Bruno Gomes. Tamén xogaron Power Raggiati, Lluc (c), Altamirano, Nejc Hozjan, Álex García, Pirata, Nico Rosa e Alisson.


Mallorca Palma Futsal: Luan Muller (p), Tomaz, Eloy Rojas, Cainan e Tayebi. Tamén xogaron Chaguinha, Mancuso, Marlon, Rivillos, Cléber e Dani Saldise.


Goles: 1-0 Machado (9’), 1-1 Eloy Rojas (9’), 2-1 Marcelo (23’), 2-2 Mancuso (24’), 2-3 Cainan (25’), 3-3 Marcelo (40’). Prórroga: 3-4 Tayebi (43’).


Os colegiados Francesc García-Donas Salvador y Bernardo Simón Benet amonestaron con cartulina amarilla por los locales al preparador físico Adrián González (28’ y 42’) y vio la roja directa Power Raggiati (42’). Y por los visitantes, enseñaron la amarilla a Marlon (20’), Tayebi (33’), Chaguinha (39’) y Rivillos (42’).


Incidencias: partido 2 da serie de cuartos de final do PlayOff polo título de Primeira División, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante uns 700 espectadores.

Comments


bottom of page