top of page

CRÓNICA 1/4 DE FINAL XXXIII COPA GALICIA (VIL 0–6 NPA) | A semis con comodidade


Martes, 10/12/2024 · 23:45h · Imaxe: Foto Pichero | O Portus Apostoli superou sen fisuras a rolda de cuartos de final e citarase na semifinal co ADC Lugo Sala.


O Noia Portus Apostoli FS volve a atopar un agradable refuxio nas competicións copeiras, esta vez no seu debut en Copa Galicia. Os noieses resolveron con solvencia absoluta o seu compromiso de cuartos de final na pista do Grupo FORMA-T Vilalba FS, ao que derrotaron por un contundente 0-6.


O golazo de David Pazos no 2’ abriu o camiño a un conxunto branco, hoxe de amarelo -ao igual que no triunfo de Copa do Rei en Valencia-, que non quería deixar ningún espazo á sorpresa. Co 0-2 de Álex García, enviando á rede un balón solto, e un par de paradas de Schütt, os noieses sufocaron calquera conato de resistencia vilalbesa. As dúas dianas de Pirata no minuto 14, ambas a pase de Rufino, colocaron un 0-4 que respondía á superioridade do Portus Apostoli.


Dous goles máis para a guinda


A segunda metade transcorreu baixo un control noiés total, cun Iván entre paus sen apenas traballo e como testemuña máis achegada do dominio dos seus. Aínda que os paus evitaron que chegaran varios máis, os de David Palmas sumarían outros dous goles á conta. Garrincha fixo o quinto, cun bo remate ao primeiro pau previo xiro, e Rufino o sexto e definitivo, empuxando un rexeite a disparo de Rubi.


Seguinte parada de Copa Galicia, a eliminatoria de semifinais a semana do 14 de xaneiro na pista do ADC Lugo Sala. Ata que chegue ese día, o Portus Apostoli tratará de trasladar esta inercia positiva para mudar a dinámica de cara ao que vén en Liga.


Próximo partido


Parón ligueiro por ventá de seleccións esta fin de semana para os noieses. Seguinte obxectivo, o sábado 21 ás 13:00h na pista do Industrias Santa Coloma, pola 11ª xornada ligueira.


 

Ficha técnica

Grupo FORMA-T Vilalba FS: Tini (p), Ismael (c), Diego, Simo e Kevin Chis. Tamén xogaron César (p), Dani Quintela, Alonso, Antón, Dani e Javi.


Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Montero, Rubi, David Pazos e Garrincha. Tamén xogaron Iván (p), Power Raggiati, Rufino, Attos, Álex García, Pirata (c) e Izan.


Goles: 0-1 David Pazos (2’), 0-2 Álex García (9’), 0-3 Pirata (14’), 0-4 Pirata (14’), 0-5 Garrincha (28’), 0-6 Rufino (37’).


Os colexiados Roberto Segundo Amor Vizoso e Pablo Coello Martínez amoestaron con cartón amarelo nos vilalbeses a Antón (28’). E nos noieses, amarela a Power Raggiati (22’).


Incidencias: partido correspondente á eliminatoria a partido único de cuartos de final da XXXIII Copa Galicia, disputado no Municipal de Vilalba ante uns 300 espectadores.

Comments


bottom of page