CRÓNICA 1/4 DE FINAL COPA GALICIA FS (EST 0–6 NPA) | Seriedade total e a semifinais
- Departamento prensa Noia PA FS

- Dec 3, 2025
- 2 min read

O Noia Portus Apostoli FS estará nas semifinais da Copa Galicia FS por sétima edición consecutiva. Así o rubricou o equipo de David Palmas en As Pontes, onde superou con solvencia e contundencia (0-6) ao O Esteo FS, nun duelo no que se estrearon dous xogadores do Filial, Brais e Nico Cuello.
Desde o mesmo asubío inicial O Esteo FS colocou na pista ao porteiro-xogador, deixando clara a súa pretensión de incomodar o máximo posible ao tetracampión autonómico. Se o partido xa esixía de por si seriedade, a situación acentuábao, e o Portus Apostoli estivo á altura.

Os noieses non deron opción á sorpresa nos minutos iniciais, e no 6’ chegaba o 0-1 por medio dun axustado disparo exterior de Leozin. Houbo que agardar polo 0-2 ata o 15’, cando Nico Cuello penalizaba un erro local en saída de presión. Estrea soñada para o filialista, que completou unha gran actuación, ao igual que o outro debutante, Brais, nos varios minutos que estivo en xogo.
Tivo O Esteo FS dúas claras ocasións para volver a meterse no choque, pero Schütt fíxose enorme entre paus e os seus compañeiros encargáronse de decantar o resultado no tramo final do primeiro tempo, cos goles de Koeman e Rubi.
Control e a semis
As intencións mantivéronse firmes en ambos bandos á saída de vestiarios, pero pouco a pouco o conxunto pontés ía sacando a bandeira branca ante un Noia moi serio. Practicamente non tivo traballo Iván, ocupante da portería noiesa no segundo acto, máis aló de colaborar nas posesións dos seus.
Co control total na súa man, o Portus Apostoli dispuxo de oportunidades para ampliar o tanteador. Converteron Ismael e Biel para redondear o definitivo 0-6 e poñer a guinda á clasificación a semifinais, onde xa agarda o Grupo FORMA-T Vilalba FS, que se desfixo do CD Burela FS (2-2, 6-5 a penaltis), no último paso a dar antes da gran final de Pontevedra.

Próximo partido
Os brancos recibirán ao Barça na xornada 13 da Primeira División FS este sábado 6 de decembro ás 16:30h.
Ficha técnica
O Esteo FS: Jandro (p-x), Adri, Matos, Adrián e Cokito. Tamén xogaron Xeito (p), Regue (p), Troncho (c), Rubén, Gael e Sergio.
Noia Portus Apostoli FS: Schütt (p), Churrasco, Koeman, Rubi (c) e Biel. Tamén xogaron Iván (p), Montero, Varsalona, Leozin, Brais, Douglas, Nico Cuello, Thierry e Ismael.
Goles: 0-1 Leozin (6’), 0-2 Nico Cuello (15’), 0-3 Koeman (18’), 0-4 Rubi (20’), 0-5 Ismael (27’), 0-6 Biel (32’).
Os árbitros Borja Darriba Villamor e Sergio López Riveiros non realizaron ninguna amoestación.
Incidencias: partido correspondente aos cuartos de final da XXXIV Copa Galicia FS, disputado no Municipal de A Fraga (As Pontes) ante uns 400 espectadores, varios deles desprazados desde Noia.











Comments