top of page

CRÓNICA XVI Torneio Cidade da Póvoa | Campións en Varzim!

Os noieses desfixéronse do ADC Nogueiró en semis por 5-3 e superaron na final ao Sporting Paris a penaltis tras empatar 3-3 no tempo regulamentario.

(foto: Manuel Lorenzo)

O Noia Portus Apostoli FS alzouse campión do XVI Torneio Cidade de Póvoa! En fin de semana de parón ligueiro, os noieses disputaron dous amistosos nos que, ademais de levarse o triunfo, puideron insistir en mellorar os seus esquemas e incluso dar importante cabida a xogadores do Filial, nun cadro acusado por varias baixas, con catro xogadores do “B” nunha expedición de once.

No choque do venres, os de Tomás de Dios derrotaron ao equipo luso do ADC Nogueiró e Temoes por un marcador de 5-3, nun partido de moito contacto e desgaste, sobre todo por parte dos nogueirenses. A primeira metade foi claramente do Portus Apostoli, cun 4-1 ao descanso que os portugueses lograron apretar ata un 4-3 na segunda. O tanto de David Pazos no tramo decisivo decantou a balanza do lado dos seus e deulles un posto na final do sábado.

Nela tóparonse os brancos co Sporting Paris, que superara o día anterior ao anfitrión CD Póvoa por 2-5. Sorprenderon os franceses no inicio, adiantándose por 0-2 en apenas tres minutos. Jabá reduciu distancias segundos despois e Pazos puido empatar cun disparo que foi ao pau. Porén, o que chegaría foi o 1-3 co que se alcanzou o camiño a vestiarios, non sen a insistencia un Noia frustrado tras contar con numerosas ocasións para irse cun resultado máis favorable.

Os tantos de David Pazos e Pola no último terzo de envite devolveron as táboas ao electrónico, con Attos entrando como porteiro-xogador na recta final para tentar rompelas, pero sen éxito. Decidiría a tanda de penaltis o campión do XVI Torneio Cidade de Póvoa, que, tras 20 lanzamentos, coroou ao Portus Apostoli, cun claro nome propio no meta Iván, encargado de anotar o seu penalti e, a continuación, deter o definitivo a Fernandinho.

Terminados os test en terras lusas, o Noia Portus Apostoli FS xa pensa no duelo do próximo sábado 23 ás 19:30h en Anaitasuna contra Osasuna Magna, válido pola terceira xornada do campionato ligueiro de Primera División Fútbol Sala, con previsión de recuperar a algúns dos efectivos que tiveron pouca ou ningunha presenza neste torneo.


 

Ficha técnica – Noia Portus Apostoli FS 5-3 ADC Nogueiró e Temoes

Noia Portus Apostoli FS: Iván (p), Pola, David Pazos, Rufino e Pirata. Tamén xogaron Lluc (c), Edu Jabá, Attos, Lukas y Pau.

ADC Nogueiró e Temoes:

Goles: 1-0 Rufino (9’), 2-0 David Pazos (11’), 3-0 Lluc (14’), 4-0 Edu Jabá (15’), 4-1 (17’), 4-2 (21’), 4-3 (27’), 5-3 David Pazos (37’).

Os colexiados Ricardo Monteiro e Alexandre Caetano amoestaron con tarxeta amarela a Rufino (12‘), Pola (18’ y 39’) e Edu Jabá (37’) e dúas aos rivais no 12’ e no 40’.


Ficha técnica – Noia Portus Apostoli FS 3-3 (pen. 7-6) Sporting Paris

Noia Portus Apostoli FS: Iván (p), Pola, Lukas, Lluc (c) e Rufino. Tamén xogaron David Pazos, Edu Jabá, Attos, Pirata y Pau.

Sporting Paris: Pedro (p), Kebe (c), Rudi, Titon e Fernandinho. Tamén xogaron Pasquier, Traoré y Ndukuta.

Goles: 0-1 Fernandinho (2’), 0-2 Pasquier (3’), 1-2 Edu Jabá (5’), 1-3 Fernandinho (10’), 2-3 David Pazos (30’), 3-3 Pola (31’).

Os colexiados Ricardo Monteiro e Alexandre Caetano amoestaron con cartón amarela ao galo Rudi (30’).

Tanda de penaltis: Gol de Pirata (1-0), ao pau Rudi (1-0), fóra Pola (1-0), gol de Fernandinho (1-1), fóra David Pazos (1-1), ao pau Pasquier (1-1), gol de Rufino (2-1), gol de Traoré (2-2), gol de Edu Jabá (3-2), gol de Titon (3-3), gol de Attos (4-3), gol de Ndukuta (4-4), parada de Pedro a Lluc (4-4), parada de Iván a Kebe (4-4), gol de Lukas (5-4), gol de Pedro (5-5), gol de Pau (6-5), gol de Douang (6-6), gol de Iván (7-6), parada de Iván a Fernandinho (7-6, final).

bottom of page