Os noieses revalidan o Trofeo Portus Apostoli no seu último e mellor partido de pretemporada, superando pola mínima ao Eléctrico FC.
O vindeiro sábado 2 de setembro ás 18:00h, estrea ligueira en cancha do Jimbee Cartagena.
O Noia Portus Apostoli FS conclúe a pretemporada con sorriso, gañando por segundo ano seguido o Trofeo Portus Apostoli, o da casa, cun resultado de 4-3, e dando unha boa imaxe diante da súa afección en plenas Festas Patronais e a unha semana do debut en Liga en Cartaxena.
A primeira metade foi unha de moita seriedade e orden, quizais os mellores minutos ata o momento do conxunto de Tomás de Dios. No 4’ xa mandaban no electrónico grazas ao gol de David Pazos, ao que se sumou o de Pirata desde os dez metros, cun Eléctrico desquiciado, como demostrou a expulsión de Léo Santana, e que chegou ás seis faltas en apenas 10 minutos. Na recta final tivo o á-pivote lucense a oportunidade de anotar un segundo tanto pola sétima falta visitante, e así dar evidencia da superioridade noiesa, pero Leandro Rodrigues desviou o seu disparo.
Non foi tan bonito o inicio do segundo acto, no que ao Portus Apostoli faltoulle intensidade, e pagouno ante un rival que empatou o duelo en só 6 minutos. Respondeu ao instante Pirata, desviando co corpo un punteirazo de Rufino para o 3-2, pero non foi menos o equipo portugués, que a continuación fixo o 3-3 por medio de Simi Saiotti.
Coas espadas por todo o alto e o partido entrando no tramo decisivo, un erro do Eléctrico en saída de presión decantou a balanza. Completou o seu hat-trick persoal Pirata, enviando sen piedade á red un balón morto dun pase que se quedou curto na área dos verdes, no minuto 37. Joao Freitas, adestrador visitante, non agardou máis e arriscou co porteiro-xogador, sen éxito ante unha resistencia noiesa que amosa seguir sendo moi fiable nesas lides e acabou por amarrar o VI Trofeo Portus Apostoli ás vitrinas do Noia por segunda vez consecutiva.
Vitoria, boas sensacións e a reaparición de Altamirano, cuns bos primeiros minutos nesta 23/24, detalles positivos que se levará o Portus Apostoli na maleta a próxima semana a Cartaxena. Xa non hay volta atrás. O seguinte xa é a estrea do Noia Portus Apostoli FS no seu segundo curso na elite do fútbol sala nacional, este sábado 2 de setembro ás 18:00h.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Henrique (p), Pola, Lluc (c), David Pazos e Pirata. Tamén xogaron Iván (p), Power, Altamirano, Edu Jabá, Rufino, Álex García, Douglas, Matheus Preá, Nico Rosa.
Eléctrico FC: Diogo Basílio (p), Rúben Freire, Léo Santana, Airoso y Garrincha. Tamén xogaron Leandro Rodrigues (p), Ferrugem (c), Sandro Kingani, Tiago Cruz, Gustavo Rodrigues, Simi Saiotti
Goles: 1-0 David Pazos (4’), 2-0 Pirata (10’), 2-1 Rúben Freire (24’), 2-2 Tiago Cruz (26’), 3-2 Pirata (27’), 3-3 Simi Saiotti (28’), 4-3 Pirata (37’).
Os colexiados Javier Menéndez Nistal e Héctor Vilas López amoestaron con cartón amarelo aos locais Matheus Preá (7’), Pirata (15’), Power (26’), Pola (35’) e aos visitantes Léo Santana (8’ e 15’), Simi Saiotti (15’), Airoso (15’), Garrincha (30’).
Incidencias: partido amistoso de pretemporada, pertencente ao VI Trofeo Portus Apostoli, disputado no Municipal Agustín Mourís ante a presenza duns 500 espectadores.
Comments