top of page

CRÓNICA SEMIFINAL XXXII COPA GALICIA (STE 0–2 NPA) | Billete para a cuarta final consecutiva

Con dous goles no inicio de cada metade, os noieses resolveron o duelo ante un adversario que priorizou resgardar a súa portería.
O rival na gran final será O Parrulo Ferrol o 28 de marzo en sede aínda por confirmar.

(foto: Manuel Lorenzo)

O Noia Portus Apostoli FS confirmou a súa presenza na gran final da Copa Galicia por cuarta edición consecutiva, logo de superar por 0-2, con dous goles nados nos primeiros minutos de cada parte, a un correúdo Stellae FS – Valga, que lle puxo as cousas complicadas aos nosos.

O tanto de David Pazos no minuto 2 foi o único desatrancador que atoparon no acto inicial os noieses, que, cando lograban superar o bloque baixo dos amarelos, acababan estrelándose con Barranquero. Animouse o Stellae no tramo final, con transicións e accións a balon parado que fixeron esforzarse a Sarmiento.

O descanso acalou unha reacción local á que puxo máis dificultades o gol de Attos aos 3’ do reinicio. Contou o Noia con oportunidades claras como as de Jabá, Nico Rosa e Altamirano, estes dous últimos probando a madeira, e o desacerto conduciu á entrada do porteiro-xogador nos últimos minutos dos valgueses, que esgotaron as súas esperanzas de dar a sorpresa sobre a meta noiesa, imbatida por vez primeira no curso.

Cumpriu o obxectivo o Portus Apostoli, que dirá presente unha edición máis, e xa van catro consecutivas, na finalísima do torneo autonómico. Alí agardará O Parrulo Ferrol FS, rival, precisamente, na primeira coroa lograda polos brancos, en maio do 2022 en Marín. Para esta haberá que esperar menos, co partido previsto para o vindeiro 28 de marzo, en sede aínda por determinar. Agora, o foco de atención regresa á Liga, onde os de Tomás de Dios recibirán ao Movistar Inter FS este sábado ás 18:00h no Mourís, na última xornada da primeira volta e penúltimo encontro do ano 2023.


 
Ficha técnica

Stellae FS – Valga: Barranquero (p), Buján (c), Alán, Mario e Quintás. Tamén xogaron Pulpo (p), Cley, We Casas, Nico e Jaime.

Noia Portus Apostoli FS: Sarmiento (p), Power Raggiati, Edu Jabá, David Pazos e Pirata. Tamén xogaron Altamirano, Rufino, Attos, Nico Rosa, Pola e Matheus Preá.

Goles: 0-1 David Pazos (2’), 0-2 Attos (23’).

Os colexiados Roberto Segundo Amor Vizoso e Álvaro Sobral Moreno amoestaron polos locais con cartón amarelo a We Casas (5’), Alán (14’), o adestrador Santi Valladares (14'), Buján (15’), Mario (17’), o segundo adestrador Emilio Soneira (20’) e Cley (38’). Viu a vermella directa o segundo adestrador Emilio Soneira (20’). E polos visitantes, amarelas a Edu Jabá (4'), Pirata (37') e Power Raggiati (37').

Incidencias: partido correspondente á eliminatoria de semifinal da XXXII Copa Galicia, disputado no Pavillón Municipal de Beiro – Valga ante uns 350 espectadores.

Comments


bottom of page