Os noieses estarán na seguinte rolda da competición autonómica tras desfacerse dun IES Coruxo FS que non baixou os brazos en ningún momento.
Este sábado ás 19:00h, regresa a Liga co enfrontamento ante o Jaén Paraíso Interior, coa emisión en directo de Teledeporte.
Fixo bos os pronósticos o Noia Portus Apostoli FS, que estará nas semifinais da Copa Galicia por quinta edición consecutiva tras superar ao IES Coruxo FS, da Segunda División B, por un marcador final de 2-7.
O tanto de Nico Rosa no 2’ de xogo achandou o horizonte a un Noia ao que, por falta de profundidade nos metros finais e a resistencia dun conxunto local cheo de coraxe, se lle resistiu varios minutos a opción de ampliar distancias. Logrouno por medio dun envío de Rufino á área que se introduciu involuntariamente na súa portería Alexis. Antes do descanso, Pirata fixo o terceiro desde o punto de dez metros.
Demostrou na reanudación o conxunto de Lucas Fernández que non tiraría a toalla, e por medio de Parra, no minuto 25, reduciron diferenzas nun certeiro lanzamento de falta. Porén, as dúas dianas de Matheus Preá, as primeiras coa camiseta noiesa, deixaron o duelo casi visto para sentenza mediada a segunda parte. Tanto o pivote como Attos gozaron de varios minutos máis que en Murcia, outro paso importante para que Tomás de Dios, ao que hoxe lle faltaban David Pazos (sanción), Altamirano e Lluc (estes dous por molestias), poida dispoñer de todo o bloque canto antes. De feito, da conexión dos dous brasileiros naceu o 2-6, convertido polo peche no minuto 37.
Puido facer o seu tanto Pau, xogador do Filial que contou con participación no choque, pero sería Machado o que poñería a guinda ao resultado xa nos últimos segundos, xusto a continuación do segundo gol local que ergueu por última vez dos seus asentos ao bo número de afeccionados que se congregou en As Travesas.
Obxectivo superado para o Noia Portus Apostoli FS, que xa pensa no seu vindeiro compromiso, a xornada 9 da Primeira División Fútbol Sala, na que recibirá ao Jaén Paraíso Interior FS este sábado 4 ás 19:00h, baixo a histórica mirada das cámaras de Teledeporte.
Ficha técnica
IES Coruxo FS: Toni (p), Parra, Álex Fernández, Iago e Fabio. Tamén xogaron Jorge (p), Adán (p), Alexis (c), Pedro, Martín, Dani, Manu e Bruno.
Noia Portus Apostoli FS: Sarmiento (p), Pola, Machado, Nico Rosa e Pirata (c). Tamén xogaron Power Raggiati, Edu Jabá, Rufino, Attos, Matheus Preá, Pau e Machado.
Goles: 0-1 Nico Rosa (2’), 0-2 Alexis en propia meta (15’), 0-3 Pirata (19’), 1-3 Parra (25’), 1-4 Matheus Preá (31’), 1-5 Matheus Preá (32’), 1-6 Attos (37’), 2-6 Martín (40’), 2-7 Machado (40’).
Os colexiados Miguel Jesús Rodríguez Pontanilla e Álvaro Sobral Moreno amoestaron polos locais con cartón amarelo a Alexis (18’), Iago (34’) e Parra (36’). Nos visitantes, amarelas a Pirata (32’) e Power Raggiati (36’).
Incidencias: partido correspondente aos cuartos de final da XXXII Copa Galicia, disputado no Pavillón As Travesas de Vigo ante uns 1000 espectadores.
Comments