O Portus Apostoli despídese da Copa do Rei ás primeiras de cambio nun partido no que non lle saiu nada, sobre todo de cara a portería.
Este sábado 25 ás 16:00h, regreso á Liga coa visita ao Mourís do Quesos el Hidalgo Manzanares FS.
O Noia Portus Apostoli FS dixo adeus á Copa do Rei 23/24 nunha noite para esquecer en Mengíbar, onde a falta de puntería foi a súa principal condena para caer do torneo do KO no debut.
Apretaba a afección e o equipo dun Oleoinnova Mengíbar FS que empezou con ímpetu sobre a meta de Sarmiento, pero pouco a pouco foi recuando ante o empuxe dos noieses e recluíndose en Cárdaba, o seu porteiro, indubidablemente o home do partido. El encargouse de frustrar aos brancos que, aínda por riba, tiñan que ver como unha acción de Sarmiento na área era sinalada penalti, convertido por Karim. Cando semellaba que o marcador ao descanso sería favorable aos locais, Power atopou un oco para batir ao meta mengibareño ao borde do camiño a vestiarios e poñer algo de xustiza.
A tónica continuou igual no reinicio, co Noia estrelándose nun Cárdaba espectacular e na súa propia puntería fallida, e un Oleoinnova Mengíbar FS que volvía a encontrar no balón parado a resposta para crer na sorpresa. Karim adiantaba novamente aos seus no 24’, anotando un tiro libre indirecto, tras unha suposta man na área de Attos. Máis costa arriba se puxo a tarefa para os brancos no 32’, coa enésima parada de Cárdaba conducindo a unha transición na que Ureña levaba o balón á escadra para o 3-1. Nin sequera co porteiro-xogador foi quen o conxunto de Tomás de Dios de reducir distancias, un encontro máis lastrado pola escasa pólvora que, nesta ocasión, selou a eliminación da Copa do Rei a mans dun Segunda División.
Toca esquecer canto antes este negro episodio e centrarse na Liga, na que os noieses recibirán a visita do Quesos el Hidalgo Manzanares FS este sábado 25 ás 16:00h no Agustín Mourís, pola xornada 13 do campionato.
Ficha técnica
Oleoinnova Mengíbar FS: Cárdaba (p), Benítez, Colacha, Ureña e Miguelao (c). Tamén xogaron Dani Martín, José Gómez, Puerma, Luque, Ruano e Karim.
Noia Portus Apostoli FS: Sarmiento (p), Attos, Edu Jabá, Nico Rosa e Matheus Preá. Tamén xogaron Power Raggiati, David Pazos, Pirata (c), Pola, Pau e Machado.
Goles: 1-0 Karim, de penalti (16’), 1-1 Power Raggiati (19’), 2-1 Karim (24’), 3-1 Ureña (32’).
Os colexiados Carlos Rodrigo Miguel e Fermín Ángel Sánchez-Molina Tapiador amoestaron polos locais con amarela a Cárdaba (18’), Ureña (25’), Dani Martín (26’), Benítez (26’) e o encargado de material Rafael Jandula (25’), e polos visitantes amarelas a Edu Jabá (13’), Sarmiento (16’), Machado (35’) e Power Raggiati (37’).
Incidencias: partido correspondente á 4ª Eliminatoria da Copa da S. M. O Rei, disputado no Pavillón Sebastián Moya Lorca de Mengíbar.
Comments