O Agustín Mourís viu un equipo recoñecible, intenso e con calidade, ao que se lle escapou a vitoria nos detalles.
O próximo martes, os de Tomás de Dios visitan Vila do Conde, Portugal, para enfrontarse ao Caxinas Futsal.
Tentouno de todas as maneiras, pero no puido o Portus Apostoli darlle a revancha ao SC Braga na súa carta de presentación diante da afección noiesa que, a pesar da derrota, viu a mellor actuación ata o momento do seu equipo.
Notouse desde o minuto 1 que o Noia quería esquecer o partido de Braga. Intensidade, ideas claras e bo facer, coas primeiras participacións en partido de Edu Jabá e Attos e espoleados por un Agustín Mourís rebosante por ver en acción aos seus, tanto aos de sempre como aos novos.
O inicio deu os seus froitos, co gol de Pirata no 4’, finalizando unha xogada de saque de esquina. Tívoa o propio Pirata para facer o segundo, pero o que chegaría foi o empate, cun disparo lonxano de Bebé ante o que Henrique non puido facer nada.
Os seguintes minutos do primeiro acto estiveron protagonizados pola igualdade, que puido romperse tras a sexta falta dun SC Braga ao que se lle permitiu menos contacto que no duelo do martes. Porén, Xot detivo o lanzamento de dez metros de Attos e Rufino tampouco acertou no rexeite.
As máis claras para tomar a iniciativa na segunda metade foron do Portus Apostoli, cun tiro ao pau de Rufino incluido, nunha xogada con ata tres remates claros dos brancos, para a ocasión vestidos de vermello terceira equipación. Pero foi o cadro de Joel Rocha o que se adiantaría, mediante o gol a pracer de Bruno Soares, nunha acción rápida tras robar o coiro en cancha contraria.
Dunha clarísima dispuxo o Noia, con Álex García quedándose sen oco para aproveitar a entrega ao segundo pau de Lluc, antes de que Tomás de Dios optase polo porteiro-xogador, a catro minutos do final. Attos puxo a elástica verde, nun esquema co que os noieses xeraron moitas situacións, pero non foron capaces de superar a Deivd, quen sacou dúas boas mans nos últimos segundos.
A pesar da derrota, que nunca gusta, o Agustín Mourís saliu contento, ofrecendo unha ovación ao seu equipo, conscientes de que a ambición por dalo todo non vai faltar e de que, con partidos así, transítase polo bo camiño, coa seguinte cita fixada para o próximo martes 22 en Vila do Conde ante o Caxinas Futsal.
Ficha técnica
Noia Portus Apostoli FS: Henrique (p), Pola, Douglas, Edu Jabá e Matheus Preá. Tamén xogaron Iván (p), Power Raggiati, Lluc (c), David Pazos, Rufino, Attos, Álex García, Pirata, Nico Rosa e Pau.
SC Braga: Dudu (p), Tiago Brito, Fábio Cecílio, Robinho e Tiago Sousa. Tamén xogaron Xot (p), Deivd (p), Bruno Soares, Henmi, Tiago Correia, Rossetti, Ygor Mota, Ricardo e Bebé
Goles: 1-0 Pirata (4’), 1-1 Bebé (11’), 1-2 Bruno Soares (28’).
Os colexiados Borja Darriba Villamor e Roberto Amor Vizoso amoestaron con tarxeta amarela aos locais Rufino (25‘), Nico Rosa (32’) e aos visitantes Ygor Mota (16‘) e Rossetti (24’)
Incidencias: partido amistoso de pretemporada, disputado no Municipal Agustín Mourís ante a presenza duns 550 espectadores.
Comments