top of page

CRÓNICA – AMISTOSO (CAX 1–4 NPA) | Triunfo e boa imaxe no test de Vila do Conde

Satisfactoria proba en xogo e resultado para os noieses, a pesar das numerosas baixas coas que viaxaron ao encontro no país luso.

Pirata, Pazos e Rufino celebran o tanto do segundo. (foto: Manuel Lorenzo)

O Portus Apostoli regresa do seu amistoso en Portugal con boas sensacións. Os noieses, que acudían con tan só 8 xogadores do primeiro equipo de 13 convocados, dominaron en liñas xerais ao ADCR Caxinas e conseguiron a vitoria con folgura.


Os tantos de David Pazos, a pase de Pirata, e Rufino, definindo unha boa acción do capitán filialista Pau, deron proba da superioridade galega, cómodos e fluídos co coiro ante a presión local, ademais de pouco concesivos en defensa, apartado no que Iván, porteiro que disputou o partido ante as baixas de Henrique e Sarmiento, realizou dúas grandes intervencións. No banco estivo Théo, outro dos gardametas do Filial, facendo o seu debut nunha convocatoria do primeiro equipo, ao igual que o arxentino Mati Bonino. Completou a nómina do “B” Lukas.


Xa na segunda metade, Pirata fixo o 0-3 nunha recuperación de balón pero da área rival, mesmo procedimiento polo que o ADCR Caxinas reduciu distancias a dez minutos do final. Nos últimos cuatro, os locais quixeron provocar dúbidas e introduciron o porteiro-xogador, aproveitado polo Noia para pechar o marcador co cuarto, obra de Machado.


A dúas semanas de volver á competición, esta actuación supón un empuxón para os noieses, que seguirán traballando plenos de intensidade e ganas, mirando de reollo a unha enfermaría que irá baleirándose, para chegar a ese encontro co Osasuna Magna con ilusión e as ideas claras.


 

Ficha técnica

Noia Portus Apostoli FS: Iván (p), Attos, Edu Jabá, Nico Rosa e Matheus Preá. Tamén xogaron David Pazos, Rufino, Pirata (c), Lukas, Pau, Bonino e Machado.


Goles: 0-1 David Pazos (6’), 0-2 Rufino (13’), 0-3 Pirata (27’), 1-3 (30’), 1-4 Machado (38’).


Amoestacións: non se amosou ningunha tarxeta.


Incidencias: partido amistoso disputado no Municipal de Vila do Conde.

Comments


bottom of page