Mércores, 24/07/2024 · 12:30h | Os noieses recibirán ao ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS o 12 ou o 13 de outubro para iniciar a Liga.
A Real Federación Española de Fútbol desvelou o calendario da Primeira División FS 2024/2025 e o Noia Portus Apostoli FS xa coñece a travesía que percorrerá no seu terceiro curso seguido na elite, o primero no que debutará na casa.
O sábado 12 ou o domingo 13 de outubro, os noieses xogarán no Municipal Agustín Mourís contra o ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra FS. A estrea fóra da casa será de gran altura, visitando o sábado 19 ou o domingo 20 o Olivo Arena do Jaén Paraíso Interior FS. Estas serán as dúas primeiras xornadas dun campionato ligueiro que empeza inusualmente tarde, debido á disputa do Mundial de Usbequistán 2024 entre o 14 de setembro e o 6 de outubro.
Durante a primeira volta, que se prolongará ata finais de xaneiro, o Noia verá pasar polo seu feudo ata a 6 dos 8 equipos que a campaña pasada xogaron o PlayOff polo título. É o caso de ElPozo Murcia Costa Cálida FS (xornada 3, 26/27 outubro), Barça (xornada 5, 9/10 novembro), o campión ligueiro Jimbee Cartagena Costa Cálida (xornada 7, 19/20 novembro), Viña Albali Valdepeñas (xornada 10, 7/8 de decembro), Movistar Inter FS (xornada 12, 28/29 decembro) e o dobre campión de Europa, Illes Balears Palma Futsal (xornada 14, 11/12 xaneiro). Para o primeiro derbi galego en Primeira do Noia Portus Apostoli haberá que agardar ao 4 ou o 5 de xaneiro, primeiro duelo do 2025 e preto da noite de Reis, cando os noieses visitarán ao Pescados Rubén Burela FS en Vista Alegre. A metade inicial de curso concluirá para os brancos cun duelo inédito na pista do Siglo XXI do Wanapix Sala 10, a fin de semana do 25 e 26 de xaneiro.
Como novidade con respecto a temporadas anteriores, o calendario da 2024/2025 será asimétrico, é dicir, a orden de partidos da segunda volta non corresponde co da primeira. Desta forma, o Portus Apostoli reiniciará a roda recibindo ao Jaén Paraíso Interior FS, o 8 ou 9 de febreiro, mes no que se xogarán ata 5 partidos, dous deles entre semana. O segundo derbi galego será o 15 ou 16 de marzo, pouco máis de dous meses despois do primeiro, no Mourís. No último mes, os brancos visitarán tres canchas de gran dificultade: o Virgen de la Cabeza do Viña Albali Valdepeñas (xornada 27, 26/27 abril), o Palau Blaugrana do Barça (xornada 28, 3/4 maio) e o Jorge Garbajosa do Movistar Inter FS (xornada 30, 24/25 maio), mesmo enfrontamento co que se pechou o curso da Liga regular 23/24. Dúas semanas antes, o último en Noia, ante o Wanapix Sala 10. O PlayOff polo título arrancará o 29 de maio.
Menor número de interrupcións e menos prolongadas
Catro paróns por convocatorias de seleccións (en decembro, febreiro, marzo e abril), un pola Supercopa de España (18 e 19 de xaneiro), outro pola Copa de España (do 27 ao 30 de marzo) e un definitivo pola Final Four da Copa do Rei (17 e 18 de maio), entre a penúltima e a última xornada. Esas serán as detenciones destacadas dunha competición que non parará por Nadal e que contará con catro datas entre semana.
Comments