top of page

O binomio formado por David Palmas e Manu Cossío asume as rendas do Noia Portus Apostoli FS

O santiagués e o vilanovense encabezarán a dirección técnica do primeiro equipo.


David Palmas Mato (Santiago de Compostela, 08/03/1986) e Manuel López Cossío (Vilanova de Arousa, 09/06/1977) serán os encargados de dirixir a nave do primeiro equipo, conformando un binomio á fronte do cadro técnico noiés, do que ambos xa formaban parte.


Capitán e lenda noiesa como xogador, David Palmas enfocou a súa actividade no Club desde a súa retirada, no verán de 2022, principalmente aos bancos e ás categorías inferiores, adestrando ao Filial actualmente líder de Terceira División FS as últimas tres campañas e dirixindo á Escola Deportiva. Ao comezo desta temporada, pasou a integrar tamén o corpo técnico do primeiro equipo como adestrador asistente.


Pola súa parte, Manu Cossío incorporouse ao Portus Apostoli este curso en calidade de segundo adestrador, cunha xa dilatada traxectoria nos bancos ás súas costas, sobre todo por Galicia e no fútbol sala feminino, gañando no 2022 a Copa Galicia e terminando subcampión na Copa da Raíña 2020 co Poio Pescamar FS, co que tamén foi designado mellor adestrador da Liga en 2022 pola ANEFS.


A Xunta Directiva e o Club depositan neles toda a súa confianza e deséxalles a maior das sortes na busca de cumprir os retos e obxectivos de aquí a final de temporada.


Daniel Ventoso, novo adestrador do Filial

Daniel Ventoso Balderrábano (Noia, 05/07/1977) farase cargo do Noia Portus Apostoli FS “B” en sustitución de David Palmas. O preparador noiés, quen tamén dirixe ao Xuvenil líder da Liga Galega FS, encara así a súa terceira etapa no Filial, equipo que ocupa a primeira praza do seu grupo na Terceira División FS tras catorce xornadas disputadas.

Comments


bottom of page