top of page

Nico Sarmiento, primeira fichaxe do Noia 23/24

O arxentino, dúas veces mellor gardameta do Mundial, comprométese co Portus Apostoli para a próxima temporada, con opción a unha máis.


Un campión do mundo para a portería do Noia Portus Apostoli FS. Nicolás Sarmiento (Bos Aires, Arxentina, 03/12/1992) chega procedente do Real Betis Futsal, onde militou as últimas tres campañas, e asina por unha temporada con opción a unha máis co club noiés.


Sarmiento convertiuse na última década nun dos gardametas máis recoñecibles do mundo, en grande parte debido ás súas actuacións coa Selección de Arxentina. Lucindo as cores da albiceleste, consagrouse campión do Mundo en 2016, certame no que tamén foi nomeado mellor porteiro, e da Copa América en 2022. Ademais, no mesmo 2016 e en 2021 foi considerado terceiro mellor do mundo na súa demarcación.



A súa carreira deportiva iniciouse en River Plate, de onde se fixo cos seus servizos o Mallorca Palma Futsal, que o cedeu ao Intelli Orlandia brasileiro, co que foi subcampión da Liga Nacional e o Paulista. Na 15/16 incorporouse definitivamente ao conxunto balear, onde permaneceu ata a 19/20, medrando como xogador ata desenvolver un estilo propio e característico, no que destaca a súa axilidade, rapidez e intensidade, e facéndose o seu nome na Liga española, na que continuou ata este curso defendendo as mallas do Real Betis Futsal.

A de Nico Sarmiento é a primeira incorporación noiesa para a temporada 23/24 e únese ás renovacións de Power Raggiati, Altamirano e Lluc e ás continuidades dos xogadores con contrato Pirata, Douglas, Nico Rosa e Álex García.

Benvido a Noia, Nico, benvido á túa casa!



bottom of page