top of page

O Club implementa a área de psicoloxía coa incorporación de Cristhian Fernández

A chegada do psicólogo deportivo ourensán supón un novo paso adiante na estrutura do primeiro equipo do Noia Portus Apostoli FS.

(foto: Manuel Lorenzo)

Cristhian Fernández Otero (Ourense, 27/06/1988), psicólogo deportivo con ampla experiencia na materia durante a última década, pasa a reforzar o organigrama do primeiro equipo do Noia Portus Apostoli FS, nunha nova proba de avance na estrutura do Club.


No deporte profesional de elite, a saúde mental supón un factor tan importante como o é a física. Como resposta a isto, prodúcese a incorporación de Cristhian Fernández. Licenciado en psicoloxía pola USC e especializado no apartado deportivo, conta cunha probada bagaxe por numerosos Clubs e deportes, entre eles fútbol, bádminton, baloncesto e fútbol sala. O ourensán traballará a carón do resto do corpo técnico e dos xogadores para ser unha nova ferramenta de importancia na máxima optimización do rendemento de todo o equipo.


“Veño a poñer o meu gran de area”

Cristhian afirma estar “moi ilusionado e con moitísimas ganas de comezar a traballar nun club que amosou un crecemento espectacular nos últimos anos e que ten unha relación tan arraigada coa localidade e a afección”, e valórao como “unha oportunidade única de poder traballar no máximo nivel do fútbol sala masculino, tanto no persoal como en afianzar a psicoloxía do deporte neste nivel”.


Sobre o que pode aportar ao equipo, o ourensán expresa que “creo que veño a poñer o meu gran de area, a ser un máis no organigrama, a dar estrutura a unha parte, a psicolóxica, onde o Club non tiña recursos de forma directa” e, en resumo, “estar dispoñible para axudar aos xogadores e ao corpo técnico a centrarse no realmente importante, tanto nos momentos bos como nos malos”.


Xa eres un máis dos nosos, benvido á túa casa, Cristhian!

bottom of page