Os dous xogadores brasileiros despídense do conxunto branco despois de tres temporadas definidas por numerosas conquistas.
Henrique e Edu Jabá non continuarán sendo xogadores do Noia Portus Apostoli FS, concluíndo así unha fantástica relación de tres temporadas na que os dous brasileiros foron pezas clave de equipos para a historia do Club na súa escalada e estadía na elite do fútbol sala nacional.
Unha travesía paralela por Noia
Os dous aterraron no verán de 2021 e procedentes do mesmo Club, o Tubarão Futsal. Na súa primeira temporada no cadro branco, foron de menos a máis ata ser fundamentais naquel grupo de xogadores que se alzou campión de Segunda e fixo realidade o soño do ascenso a Primeira División, ao que se uniu a Copa Galicia en Marín. Nos dous cursos seguintes chegaron un par de trofeos autonómicos máis, xunto a unha histórica participación no PlayOff polo título e a recente salvación na máxima categoría.
Henrique: más que un muro
De promesa a toda unha realidade, durante estas últimas tres temporadas Henrique medrou exponencialmente ata converterse nun dos mellores porteiros na Primeira División FS a base de grandes paradas e un excepcional xogo de pés que fixeron as delicias do respectable do Agustín Mourís. O de Descanso vestiu a camiseta noiesa nun total de 81 ocasións en partidos oficiais, acumulando no seu haber 3 dianas e 13 asistencias.
Edu Jabá: un paso cheo de maxia
Con máis experiencia e contrastado no seu país chegou Edu Jabá a Noia, onde non tardou en demostrar o seu enorme talento co balón nos pés, sobre todo nesa perna zurda coa que ergueu en incontables ocasións aos afeccionados do Portus Apostoli dos seus asentos. O á de 32 años deixa o Agustín Mourís tras disputar 104 partidos coa camiseta branca, formando parte do selecto grupo de centenarios noieses, nos que anotou 36 goles e repartiu 29 asistencias.
O Club agradécelles a ambos os servizos prestados durante estas tres temporadas de relación e deséxalles a maior das sortes no seu futuro, tanto profesional como persoal.
Henrique e Edu Jabá viviron a súa despedida oficial na sala de prensa do Municipal Agustín Mourís, acompañados por Javier Barreiro. O director xeral do Club destacou os éxitos colleitados polos dous xogadores no seu período no equipo noiés. “Con todos estes datos, que menos que estar aquí dándolles esta despedida. Desde o Club só temos palabras de agradecemento para eles, pola súa axuda, traballo, colaboración e predisposición en todo momento. Desexámoslles todo o mellor no seu futuro profesional e, sobre todo, persoal”, expresaba, en nome de toda a Xunta Directiva, un Javier Barreiro que procedeu a continuación a entregarlles un obsequio en forma de lembranza do seu paso por Noia a ambos xogadores.
“Chegamos en Segunda División, logramos, xunto ao resto dos nosos compañeiros, poñer ao equipo na Primeira División que tanto soñabamos, as tres Copa Galicia... Deportivamente, foron tres anos moi bonitos, e persoalmente só puedo dar grazas, todo o mundo me recibiu moi ben, foi unha etapa de gran crecemento deportivo e persoal. Noia terá un afeccionado máis en calquera lugar no que eu estea”, declarou Henrique.
Pola súa parte, Edu Jabá quixo “agradecer por todo o que pasei. Tanto eu como Henrique pasamos por cousas moi bonitas aquí, fun moi feliz en Noia, agradezo a todo o mundo. Oxalá poder volver para o que sexa e que o Noia Portus Apostoli FS teña moitos éxitos de aquí en adiante”.
Comments