A fin dunha abordaxe para a historia: Pirata deixa de ser xogador do Noia Portus Apostoli FS
- Departamento prensa Noia PA FS
- Jun 4
- 2 min read

Mércores, 04/06/2025 · 22:00h | O lucense e o Club culminan unha relación de cinco temporadas chea de crecemento e alegrías.
Dun neno de 20 anos a un home de 25. De promesa a realidade. De aprendiz a capitán. A referente. A lenda. Todo iso foi Adrián Rodríguez Mosteirín, “Pirata”, en Noia desde que chegara ao Portus Apostoli o 16 de xullo de 2020 ata este 4 de xuño de 2025, día no que xogador e Club finalizan unha espectacular unión que vai máis alá do deportivo.
Como flamante campión de Europa Sub-19 de seleccións e quinto mellor mozo do mundo puxo pé o á-pivote no Agustín Mourís. Un diamante por pulir que, pouco a pouco, empezou a destellar todo o seu brillo vestido de branco. Primeiros detalles, goles e grandes tardes nunha 20/21 condicionada pola COVID-19 na Segunda División FS, que terminó con bágoas no PlayOff de ascenso. Os sorrisos viñeron todos xuntas na 21/22, nun curso para o recordo, arrasando en Liga para lograr o ascenso á elite e coa consecución do primeiro título de Copa Galicia FS, aos que sumou tres máis nos seguintes anos.
Pero foi en Primeira División FS onde Pirata alcanzou o seguinte nivel. Sempre presente e fundamental nos 92 encontros que disputou o equipo en Liga, xa fora no PlayOff polo título ou no campionato regular loitando por manter a categoría, o dorsal 17 erixiuse como o máximo artilleiro do equipo. Non por casualidade é o xogador do Club con máis partidos (163) e máis goles (100) entre todas as competicións desde a campaña 17/18, a da estrea en Segunda. O último e centenario dos tantos, o do 3-3 en Torrexón de Ardoz que permitirá ao Portus Apostoli cumprir o seu cuarto curso seguido entre os mellores.
Un legado xigante que non só se explica con estes números extraordinarios. Desde o traballo, o respecto e a humildade, Pirata foi para cada un dos seus compañeiros un capitán no que confiar. Para cada xogador da Escola Deportiva, un espello no que mirarse. E para todo noiés que sente este escudo, un líder no que identificarse.
O Club agradécelle profundamente a Adrián Rodríguez Mosteirín, “Pirata”, os servizos prestados, así como a súa profesionalidade e compromiso durante estas temporadas, e deséxalle a maior das sortes no seu futuro, tanto profesional como persoal.
Comments