top of page

Lluc despídese de Noia tras unha etapa para a lembranza

O xogador máis lonxevo dos últimos anos do Portus Apostoli di adeus despois de cinco temporadas inundadas de grandes momentos.


Conclúe a gran e dilatada traxectoria de Lluc no Noia Portus Apostoli FS. Despois de 141 partidos, 37 goles e cinco temporadas nas que foi un dos protagonistas na pista dos éxitos e a enorme progresión do Club, o á non continuará no plantel do primeiro equipo branco.


Chegado desde Valdepeñas en verán de 2019, Lluc foi unha das primeiras pezas en unirse a un Portus Apostoli que mudaba de ciclo. Coa súa ambición, sentido de pertenza, competitividade e polivalencia, condicións que definen toda a súa etapa en Noia, o catalán erixiuse rapidamente nun xogador importante dentro dun equipo que pasou de sufrir por manter a categoría de prata a gozar de numerosos triunfos. A gloria do ascenso conseguiuse finalmente o 26 de marzo de 2022, e os logros non pararon de sumarse, coa clasificación ao PlayOff polo título no debut en Primeira e tres títulos de Copa Galicia, dos cales Lluc ergueu os últimos dous como capitán.


As lesións non lle permitiron aportar todo o que quixera na que foi a súa última campaña como noiés, pero, cos seus dous importantísimos tantos ante Industrias Santa Coloma e Real Betis Futsal na recta final ligueira, deixou a súa pegada para selar a salvación do equipo na elite do fútbol sala nacional e pechar o seu fantástico legado en Noia con broche de ouro.


O Club agradécelle profundamente a Lluc a súa profesionalidade e compromiso durante estas cinco temporadas de relación e deséxalle a mellor das sortes tanto no seu futuro profesional como persoal.



Na sala de prensa do Club compareceron Lluc e Javier Barreiro, director xeral do Portus Apostoli, para levar a cabo unha despedida á altura do xogador catalán. Antes de entregarlle un cadro conmemorativo do seu paso por Noia, Barreiro repasou todos os números e éxitos logrados por Lluc nun periplo do que “sobran as palabras” e a quen non dubidou en destacar como “un dos piares fundamentais do crecemento do Club”. O director xeral noiés quixo ir máis alá nas súas afirmacións sobre Lluc, “é unha gran persoa, home de Club, que se involucra nos proxectos e que demostrou ter un sentido de pertenenza brutal”, e tildou a súa marcha como “un fin de ciclo onde el decide abrir unha nova etapa e desde o Club entendemos que hai que respectar as decisións”. Por último, o mandatario noiés expresou directamente a Lluc que “Noia sempre será a túa casa. Estamos 100% agradecidos tanto a ti como á túa familia por estes anos magníficos que vivimos xuntos, eres un noiés máis”.


Pola súa parte, un visiblemente emocionado Lluc valorou a súa traxectoria en Noia como “todo un éxito, tamén a nivel persoal” e estimou a todos os compoñentes do Club a acollida desde o seu primeiro día. “Agradecer sobre todo o ben que se portaron sempre comigo”, continuou o catalán, “e máis alá do que o fútbol sala te pode dar, ensináronme a querer á gente e a dalo todo por eles”. Preguntado por un día a destacar entre as súas cinco temporadas en Noia, Lluc elixiu “o día do ascenso, que foi unha tarde-noite incrible, despois do que sufrimos, e ese momento foi clave para certificar o proxecto que levabamos traballando”. Por último, o catalán autodeclarouse como “un noiés máis. Quero o mellor para este Club, que me deu moitísimas cousas. Estou moi agradecido, sen eles non sería quen son agora mesmo e débolles moito, agardo que o fútbol sala poida devolvérllelo, que teñan éxitos e, sobre todo, que nunca perdan a súa esencia, que é a familiaridade e o cariño que teñen pola xente”.

Comments


bottom of page