“Estou na miña casa, coa xente que quero”
- Departamento prensa Noia PA FS

- 9 hours ago
- 2 min read
Altamirano é Noia e Noia é Altamirano. O arxentino atravesa a súa quinta temporada no Club, e, tras a renovación por dúas máis, alcanzará a sétima, o que o ten “moi feliz, como lle digo a todo o mundo, esta é a miña casa, levo xa cinco anos aquí e síntome un máis”. Un período tras o que, explica, só ten “palabras de agradecemento para todas as persoas do Club, directiva, corpo técnico, compañeiros, afección. Sempre me trataron súper ben”.
Desta maneira, Altamirano converterase no xogador con máis temporadas no Portus Apostoli desde 2017, o primeiro ano en Segunda, e con disposición de alzarse como o xogador desa etapa con máis partidos disputados. “É unha honra defender esta camiseta tantos anos, un pracer, estou na miña casa, coa xente que quero. Agardamos poder seguir facendo historia neste Club”, expresa sobre iso o á.
Imaxes: Manuel Lorenzo/Noia PA FS
O seu papel foi fundamental en todos os éxitos e logros desta fantástica etapa recente. “Pasamos de todo, tantos momentos tristes como felices. É difícil quedarse cun, porque todos terminaron cun bo final”, confesa un Lean que, aínda que recalca que “o día de Madrid do ano pasado tamén foi moi feliz”, queda co “día do ascenso, lémbroo con moitísimo cariño. Se me teño que quedar cun, é ese”.
No horizonte, dous anos e medio máis para debuxar novos días para a lembranza. “Esta temporada está sendo moi boa, estamos colleitando unha gran cantidade de puntos, tanto para a permanencia como para, quen non di, pelexar outros obxectivos”, afirma o arxentino, desexoso de “dalo todo para darlle unha alegría á afección” na Liga e na Copa do Rei FS.
Saian ou non saian as cousas, hai algo seguro en Altamirano, e dío el mesmo: “é un pracer defender este escudo, seguir nesta Vila que me abriu as portas desde o primeiro día e me fai moi feliz. A seguir defendendo este escudo coa garra e entrega que se merece”.























Comments