top of page

PREVIA X17 | Córdoba Patrimonio-Noia Portus Apostoli FS | Un novo inicio

No primeiro encontro do 2024, o conxunto branco abre un novo período coa meta de lograr tres puntos que lles faga escalar postos.
O duelo entre noieses e cordobeses da xornada 17 ligueira disputarase este sábado 13 ás 18:00h, en directo por FEF TV e arbitrado polos valencianos Samuel Gabaldón Rico e Óscar Ropero Lara.

Attos conduce o balón ante Pola nun adestramento (foto: Manuel Lorenzo)

Empeza o 2024 competitivo para o Noia Portus Apostoli FS, e á súa vez unha nova etapa. Coa ambición de comezar a reverter a situación actual, os noieses visitan ao Córdoba Patrimonio de la Humanidad, este sábado 13 ás 18:00h, pola 17ª xornada de Primeira División FS, que será o único partido no mes de xaneiro.


Unha semana de traballo colectivo no Mourís completou o Portus Apostoli, coa novidade do arxentino Mati Bonino e a presenza de varios xogadores do Filial, no seu regreso do parón de Nadal, ao que se foi ocupando postos de descenso, produto da derrota contra Jimbee Cartagena e o triunfo do ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra o pasado 23 de decembro. Saír de aí canto antes é o que busca un cadro que, como se vén repetindo durante toda a temporada, contará con algunhas baixas en Vista Alegre.


Ao igual que pasou en 2023, o Córdoba Patrimonio de la Humanidad será o primeiro rival do ano. Os de Josan González ocupan a 12ª praza con 18 puntos, cunha vitoria e cinco derrotas nos últimos seis envites, aínda que caendo pola mínima ante opoñentes como Osasuna Magna ou Barça. No seu feudo demostraron ser moi fortes, logrando 12 desas 18 unidades, pero os últimos precedentes sorrín aos noieses, logrando o triunfo as dúas veces que o visitaron o curso pasado, na estrea ligueira e en Copa do Rei. Para este enfrontamento, os cordobeses terán a ausencia segura de Arnaldo Báez, pero poderían contar xa coas incorporacións invernais, o pivote Kauê Pereira e o á Huguinho, que veñen a sumar máis pólvora ao terceiro conxunto menos goleador da Liga, no que o habilidoso Perin, con 10 dianas, é o líder do equipo nesa faceta.


Enerxías, ilusións e motivacións renovadas neste novo ano que se abre para o Noia Portus Apostoli FS, coa clara meta de recuperar as sensacións e empezar a sumar vitorias de inmediato para sacar a cabeza da zona baixa da táboa.


 

Declaracións previas



O desprazamento

A expedición noiesa puxo rumbo a terras andaluzas en autobús a noite do xoves. Ás 12:00h do venres realizarán o último adestramento previo ao encontro.


Emisión en directo

O partido emitirase en directo por web e app de FEF TV este sábado 13 a partir das 18:00h.


Árbitros

Os valencianos Samuel Gabaldón Rico e Óscar Ropero Lara. Con esta parella, tres derrotas en tres partidos.


Precedentes

·21 de outubro de 2017 | X6 Segunda División FS 2017/2018 | NPA 4-6 CPH



·17 de febreiro de 2018 | X21 Segunda División FS 2017/2018 | CPH 7-2 NPA



·29 de setembro de 2018 | X3 Segunda División FS 2018/2019 | CPH 2-2 NPA



·26 de xaneiro de 2019 | X18 Segunda División FS 2018/2019 | NPA 1-1 CPH



·15 de febreiro de 2022 | 1/8 de final Copa do Rei 2021/2022 | NPA 2-3 CPH



·10 de setembro de 2022 | X1 Primeira División FS 2022/2023 | CPH 4-5 NPA



·14 de xaneiro de 2023 | X16 Primeira División FS 2022/2023 | NPA 4-2 CPH



·25 de xaneiro de 2023 | 1/8 de final Copa do Rei 2022/2023 | CPH 2-3 NPA



·9 de setembro de 2023 | X2 Primeira División FS 2023/2024 | NPA 2-4 CPH

Comments


bottom of page